Ciclos

Retrospectiva 'François Truffaut: o pracer da mirada' en DUPLEX Cinema: 12 pases únicos do 13 de outubro ao 29 de decembro

O ciclo componse dun total de 14 títulos repartidos en 12 sesións. Celébrase cada martes ás 19:45 con entrada gratuíta: desde o venres inmediatamente anterior a cada pase poderán retirarse dous convites máximo por persoa na billeteira de DUPLEX Cinema. Este programa conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol.

O realizador francés François Truffaut é unha das figuras máis prominentes da cinematografía francesa de todos os tempos, nomeadamente daquilo que nos anos cincuenta se deu en chamar Nouvelle Vague, unha nova vaga de autores que sacaron o cinema á rúa, fóra dos estudios, que actualizaron as temáticas do cinema nacional, facéndoas máis modernas, e que experimentaron coas formas cinematográficas sen perder a perspectiva da sétima arte como expresión altamente popular. Saídos da análise da mítica revista Cahiers du Cinéma, nomes como Louis Malle, Jean-Luc Godard, Agnès Varda ou Jacques Rivette revolucionaron a forma de comprender e facer cinema, agasallándonos cunha serie de obras de influencia planetaria. O cinema mudou de xeito definitivo coa Nouvelle Vague.

Á cabeza dela atopábase François Truffaut, quen logrou ser o membro máis visíbel e ben recibido polo público de todo o grupo. Desde a súa ópera prima Os 400 golpes (1959) até o seu falecemento a mediados dos oitenta, non deixou de facer filmes. Alén da súa linguaxe renovadora e a miúdo desenfadada, a constante temática da súa obra é sen dúbida o amor. Truffaut era un cineasta que celebraba a vida e insufla este espírito a boa parte da súa filmografía. Onde fica máis patente é na serie de filmes que lle dedicou a Antoine Doinelfigura ficticia que dalgunha maneira se erixe en alter ego seu e a través da que introduce as súas inquietudes máis persoais. A saga iníciase precisamente con Os 400 golpes, coa que abrimos o ciclo o 13 de outubro. Nela, Antoine é aínda un rapaz de 14 anos que non gusta da escola a causa dun profesor ruín e que asiste ás liortas dos pais continuamente, polo que un día decide trazar un plan de fuga. Poucos filmes como este teñen retratado tan ben o mundo interior do paso da infancia á adolescencia, con todas as súas tribulacións. Falamos de todo un clásico.

actor Jean-Pierre Léaud entrou no mundo do cinema con esta fita e acabou por se converter nun dos grandes intérpretes no cinema de autor en Francia desde aquela até os nosos días, pois continúa a facer cinema. Con Truffaut fixo infinitude de filmes, entre os que se contan catro máis nos que interpretou a Antoine Doinel. Así, asistimos ao crecemento dun personaxe, mais tamén do propio actor, en pantalla, durante un período de 20 anos. Se Os 400 golpes é un dos mellores retratos que se teñen feito da adolescencia, o mesmo pode dicirse do primeiro amor con Antoine e Colette (1962), da mocidade con Bicos roubados (1968), do inicio da experiencia marital con Domicilio conxugal (1970) ou da vida adulta con O amor en fuga (1979). Un proxecto que se estende ao longo de dúas décadas, no que Antoine, coa súa actitude un pouco errática, pero sempre vitalista, non deixa de atopar amores e desamores e, ante todo, segue adiante. A vida, iso é o cinema de Truffaut.

mundo das relacións é complexo no autor. Decotío fala da infidelidade, tema que o obsesiona, e ao que dedica filmes como A pel suave (1964), As dúas inglesas e o amor (1971) ou A muller do lado (1981). Mais a súa obra mestra nesta liga seguramente sexa Jules e Jim (1962), que naqueles anos xa se atrevía a falar do poliamor. Adaptado da novela de Henri Pierre Roché, o guión é un dos aspectos máis memorábeis dunha fita que se converteu xa en toda unha icona.

Truffaut e o seu grupo de colaboradores eran moi hábiles na adaptación de novelas. No ciclo que ofrecemos isto queda ben probado en longametraxes como Unha rapaza tan decente coma min (1972), Dispárenlle ao pianista (1960) ou Vivamente o domingo (1983). As dúas últimas son ademais unha boa mostra do ben que se desenvolvía no cinema negro e no thriller. Admirador dos clásicos de Hollywood e de figuras como Alfred Hitchcock, o francés realiza aquí senllas homenaxes aos seus referentes, sen deixar de introducir interesantes innovacións lingüísticas.

Con todos estes atributos, non é de estrañar que vexamos figurar nos créditos destas actores tan esenciais como Jean-Louis Trintignant, Fanny Ardant, Charles Aznavour ou Jeanne Moreau. E é que todos os grandes intérpretes galos querían traballar con Truffaut. Nunha das fitas nas que a parella protagonista brillou máis foi en O último metro (1980), na que Gérard Depardieu e Catherine Deneuve traballan para unha compañía de teatro que agocha a un director de escena xudeu no seu soto durante a ocupación nazi de París. Nominada ese ano aos Globos de Ouro e ao Oscar como mellor filme estranxeiro, este filme de época arrasou nos César, cun total de 10 premios.

Todos estes títulos, máis a curtametraxe Les mistons (1957) poderán verse nun total de 12 sesións entre o 13 de outubro e o 29 de decembro no ciclo 'François Truffaut: o pracer da mirada'.

Esperámosvos cada martes ás 19:45. As entradas para este ciclo son gratuítas: desde o venres inmediatamente anterior a cada pase, poderán retirarse dous convites máximo por persoa na billeteira de DUPLEX Cinema. Este programa conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol.

Todos os detalles da programación neste enlace.