DUPLEX Cinema celebra a Noite do Cinema Europeo

  • Somos un dos cinemas seleccionados por Europa Cinemas para celebrar a Noite do Cinema Europeo, proxectando 'O proceso' de Orson Welles.
  • O pase será gratuíto e contará coa presenza de Alberto Sucasas, profesor de Filosofía da UDC.

DUPLEX Cinema é unha das salas escollidas pola rede Europa Cinemas para celebrar a Noite do Cinema Europeo este 2024. Trátase dun evento único e divulgativo co obxectivo de achegar Europa á cidadanía e, ao mesmo tempo, celebrarmos xuntos a riqueza da cultura cinematográfica europea mediante proxeccións en salas de cinema de todo o continente. 

Deste modo, o vindeiro mércores día 4 de decembro ás 19:30 horas acolleremos a proxección d’O proceso (The Trial - Le Procès, 1962), dirixida por Orson Welles, sen dúbida un dos máis relevantes cineastas da historia do cinema e coñecido por filmes que revolucionaron a maneira de narrar como Cidadán Kane (Citizen Kane, 1941), Sede de mal (Touch of Evil, 1958)  ou Fraude (F. for Fake, 1973). Con esta proxección d’O proceso, filme realizado a partir da obra que Franz Kafka (1883-1924) escribíu entre 1914 e 1915, queremos sumarnos ademais á celebración este ano do centenario da desaparición dun dos escritores máis esenciais e influíntes do século XX.

A sesión será gratuíta até completar aforo e contará coa presentación e posterior coloquio de Alberto Sucasas, profesor de Filosofía na Universidade d’A Coruña (UDC).

Alberto Sucasas

É profesor de Filosofía na Universidade d’A Coruña e escritor. Con anterioridade ao seu cargo de profesor de universidade, desenvolveu a súa docencia, durante 25 anos, no instituto ferrolán Sofía Casanova. A súa principal liña de investigación é o pensamento xudeu, en particular a presencia de esa tradición ético-relixiosa no pensamento contemporáneo. Desde esa perspectiva,estudou a obra de Emmanuel Levinas e Jacques Derrida, entre otros pensadores do século XX. Por outro lado, interésase polo impacto filosófico da Shoah, o exterminio de xudeus europeos a cargo dos nazis. 

É autor de nove libros: El rostro y el texto (2001), Memoria de la Ley (2002), Levinas: lectura de un palimpsesto (2006), La música pensada (2013), Celebración de la alteridad (2014), La Shoah en Levinas: un eco inaudible (2015; XV Premio Internacional de Ensaio Miguel de Unamuno), Shoah: el campo fuera de campo (2018), Claude Lanzmann (2022) e  Mayorguiana. Pensamiento y teatro en Juan Mayorga (2023).