Celebramos o terceiro aniversario de DUPLEX Cinema: día do público e novo proxector

Cumprimos tres anos anunciando unha renovación tecnolóxica das nosas salas e aplicando unha única tarifa os mércores: 4 euros.

Hai tres anos, en outubro de 2019, DUPLEX Cinema iniciaba un novo proxecto de sala de cinema en Ferrol, cunha nova xerencia e un importante investimento na reforma do local, novo equipamento, equipo de persoal e páxina web.

DUPLEX Cinema construíu neste tempo, malia as dificultades que compartimos e todos coñecemos derivadas da covid 19, unha programación de cinema para todos os públicos, coas principais estreas semanais de cinema comercial e independente, priorizando a presenza da versión orixinal subtitulada cun espazo preferente os luns para as versións dobradas.

A diversificación das liñas de programación paralelas permite que cada mes poidamos coñecer mellor a historia do cinema, co rescate de figuras fundamentais na historia do medio, como François Truffaut, Kenji Mizoguchi, Ingmar Bergman ou Agnès Varda; que cada fin de semana toda a familia poida disfrutar dun programa orientado especialmente aos máis novos, Petís DUPLEX; acceder a estreas limitadas directamente premiadas desde os festivais internacionais máis relevantes na sección dos mércores Off DUPLEX; acompañar a programación de directos de ópera e ballet os xoves; coñecer mellor o traballo dun cineasta escollido con DUPLEX DÚO; máis recentemente, abrir o cinema aos colectivos da contorna coa sección DUPLEX con…

O esforzo pola diversidade na programación tivo unha excelente acollida nos primeiros meses de actividade, antes do peche obrigado, cun incremento de case tres veces a asistencia comparada cos períodos anteriores polo que ficamos enormemente agradecidos ao público local que lle destes esta excelente acollida ao novo proxecto.

Queremos agradecervos de novo este pulo, que durante os últimos dous anos permitíu que a asistencia se mantivese ao nivel das anteriores etapas, malia as restricións, e que neste outono está de novo comezando a recuperarse.

A nivel internacional, grazas a esta acollida, DUPLEX Cinema logrou incorporarse á rede Europa Cinemas en 2020, a reapertura foi galardoada co recoñecemento do premio Europa Cinemas 2020 ao seu director xerente e programador Ramiro Ledo Cordeiro pola inciativa. DUPLEX Cinema participou como xurado no Festival de Locarno (2022) foi convidado a impartir obradoiros explicando o seu modelo de sala no Festival de Venecia (2021), Festival de Sevilla (2021), no Gran Foro Mundial de Artes, Cultura, Creatividad y Tecnología de Colombia en Medellín (2022) e esta semana mesmo participará en dúas mesas redondas no Festival Lumière de Lyon. Esperamos nuns días poder compartir convosco máis novidades.

Para celebrarmos os primeiros tres anos de DUPLEX Cinema e iniciar con ilusión esta nova etapa, na que aos poucos agardamos ir recuperando a envexáble acollida inicial, queremos anunciarvos dúas novas:

  • A primeira delas é que vimos de realizar un novo investimento na adquisición dun proxector DCI de cinema dixital Christie 2K. Por primeira vez na serie histórica do cinema, as dúas salas de DUPLEX Cinema contarán coa mesma tecnoloxía de proxección de cinema dixital DCI. Asegurámosvos que a diferenza é máis que considerable, poderedes comprobalo desde hoxe mesmo.
  • A segunda é que lle damos a benvida ao día do público cada mércores, cando as entradas terán un prezo único de 4€ (agás festivos) para todo o mundo.
  • Estamos desexando celebrar estes primeiros tres anos convosco, por que veñan moitos máis!

Estamos desexando celebrar estes primeiros tres anos convosco, por que veñan moitos máis!

 

_ _ _

Foto de cabeceira: Kiko Delgado (EFE)