DUPLEX Cinema celebra o seu 30 aniversario
O vindeiro luns 19 de xaneiro, cines Duplex, actualmente DUPLEX Cinema, celebrará os 30 anos desde a súa apertura.
O 19 de xaneiro de 1996, a familia ferrolá Álvarez Rodríguez inauguraba no barrio de Esteiro unha sala de cinema cunha especial querencia polos filmes independentes e de autor. En 2019, logo dunha renovación e mellora das instalacións e equipamento, a dirección, programación e xerencia pasou a mans do exhibidor e distribuidor Ramiro Ledo Cordeiro, que xestiona desde entón o único cinema en funcionamento en Ferrol.
Para conmemorar esta data sinalada alédanos anunciar que o DUPLEX Cinema pasa a ampliar os seus horarios de apertura ao público, ofrecendo dúas sesións diarias máis, que comezaran por volta das 15:45 da tarde. Isto permitiranos ofrecer unha maior diversidade de filmes, que se poderan manter en carteleira durante máis tempo cando o público así o demande. E para celebrarlo e grazas á colaboración das distribuidoras Atalante, Karma, Bteam, Diamond, Elastica e Sideral, durante o luns 19 de xaneiro todas as sesións terán un prezo único de 3€.
Nestes últimos anos desde a reapertura o 10 de outubro de 2029, case 100 000 espectadores visitaron o DUPLEX Cinema para ver máis de 1 200 filmes diferentes. Este mes de xaneiro de 2026 está ademais a ser o mellor inicio de ano desde a reapertura en 2019. Un pulo para continuar a apostar polas proxeccións en versión orixinal, cunha programación que combina estreas de cinema independente e de autor, con liñas paralelas orientadas a un público diverso: cinema de patrimonio co programa Tren de sombras, que ofrece focos e retrospectivas, cinema familiar con Petís DUPLEX, as novas tendencias dos pases Off DUPLEX, retransmisións de ópera e ballet, sesións DUPLEX na escola para centros de ensino... ademáis da organización encontros con cineastas e colaborar con diferentes entidades locais.