Evento gratuíto para celebrar a Noite do Cinema Europeo
- Celebramos a Noite do Cinema Europeo o luns día 30 de novembro ás 20:00 horas coa proxección de La quimera, de Alice Rohrwacher.
- A sesión será gratuíta até completar aforo e inclúe un encontro co cineasta ferrolán Alberto Gracia.
- As entradas xa se poden recoller no cinema.
DUPLEX Cinema súmase este ano á celebración da Noite do Cinema Europeo, unha iniciativa promovida pola rede Europa Cinemas que reúne salas de todo o continente arredor dunha mesma paixón: o cinema como expresión cultural e como espazo de encontro. A través desta celebración queremos reivindicar a importancia das salas de exhibición e achegar ao público a diversidade, a riqueza e o talento das cinematografías europeas.
Deste modo, o vindeiro luns día 30 de novembro ás 20:00 horas acolleremos a proxección de La quimera (La Chimera, 2023), dirixida pola cineasta italiana Alice Rohrwacher, unha das voces máis singulares e recoñecidas do cinema europeo contemporáneo, autora de filmes como Corpo celeste (2011), El país de las maravillas (2014) ou Lazzaro felice (2018).
O filme, protagonizado por Josh O'Connor e Isabella Rossellini, e ambientada na Italia dos anos oitenta, mergúllanos no mundo dos chamados tombaroli, saqueadores de tumbas etruscas que buscan antigos tesouros arqueolóxicos. Nese contexto acompañamos a Arthur, un arqueólogo que emprende unha particular procura marcada pola memoria, a perda e o desexo. Cunha proposta visual fascinante que transita entre o real e o fantástico, Rohrwacher constrúe unha fábula poética sobre o pasado, o patrimonio e aquilo que cremos perdido. Con esta proxección queremos celebrar o talento dunha das cineastas fundamentais do panorama europeo actual e a capacidade do cinema para ofrecernos novas formas de mirar e interpretar o mundo.
O filme participou na sección oficial do Festival de Cannes de 2023, onde competiu pola Palma de Ouro. Entre os seus numerosos recoñecementos destacan o Premio á Mellor Dirección de Produción nos Premios do Cinema Europeo de 2023, concedido a Emita Frigato, e o premio á Mellor fotografía no Festival Internacional de Cinema de Chicago. Ademais, foi recoñecida coa Espiga de Prata á Mellor dirección na Seminci de Valladolid.
A sesión será gratuíta até completar aforo e contará cun encontro posterior co cineasta Alberto Gracia.
Alberto Gracia
Ferrol, 1978. É director e escritor. Realizou até a data dúas curtametaxes e tres longametraxes. A súa primeira curta, rodada en 2008 e 16mm é Microfugas. En 2013 estrea a súa primeira longa, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, gañadora do premio FIPRESCI no Festival de Rotterdam. Con La estrella errante, a súa segunda peza longa, viaxa tamén a Rotterdam e gaña o Premio Deluxe Nuevas Olas do Festival de Sevilla e o premio a Mellor Película no Dock of the Bay de Donosti. Grazas ao premio X-Films, gañado no Punto de Vista de Navarra realiza a curtametraxe Tengan cuidado ahí fuera, Mención Especial do Xurado en Filmadrid 2021. La Parra foi a súa última longametraxe, presentada de novo en Rotterdam e premiada na SEMINCI co Premio Alquimias.
As entradas xa se poden recoller no despacho de billetes do cinema.