Off DUPLEX

Volven as sesións de Off DUPLEX

A nova tempada 2020-2021 vén de comezar en DUPLEX Cinema con máis sesións a diario e a recuperación de seccións que ficaron interrumpidas durante o verán. É o caso de Off DUPLEX, dedicada a aquelas propostas máis anovadoras, para as que vos propomos pases únicos dous mércores de cada mes. Anotade as datas no voso calendario. Aquí a programación de setembro.

Os filmes cos que reactivamos a nosa sección Off DUPLEX chegan avalados polos mellores premios en prestixiosos festivais internacionais de cinema. É o caso do que pasamos este mércores 9 de setembro, A Land Imagined, Leopardo de Ouro en Locarno. Na liña do noir asiático recente máis revolucionario, como A lagoa do ganso salvaxe, que xa tivemos nas nosas pantallas hai uns meses, ou a aclamada Longa viaxe cara a noite, Siew Hua Yeo constrúe un absorbente e onírico relato detectivesco. A historia xira en torno a Wang, un traballador chinés que vive na área industrial de Singapur. Sofre un accidente no traballo e está preocupado pola repatriación. Incapaz de durmir, comeza a frecuentar un cibercafé en medio da noite. Coa esperanza de atopar algunha forma de contacto humano nun lugar estranxeiro que o fai sentir alienado, comeza unha amizade virtual que termina sendo moito máis sinistra do que semella. Cando Wang desaparece repentinamente, o policía Lok é chamado a investigar a historia, descubrindo unha verdade inesperada. A fita ten un pase único este mércores 9 de setembro ás 19:45. Podes adquirir xa aquí as túas entradas.

Xa a finais de mes contamos con Non creas que vou berrar, un dos ensaios máis celebrados do cinema francés dos últimos anos, creado en plena ola de atentados islamistas en Francia, co país sumido nun estado febril difícil de describir. O director Frank Beauvais relata así a súa experiencia: "Xaneiro 2016. Hai seis meses que a miña relación amorosa acabou. Aos 45 anos, vivo completamente só nunha pequena vila rural: sen coche, sen traballo nin perspectivas de futuro rodeado dunha natureza exuberante que non consegue acougar a miña desesperación. Os atentados de novembro sumiron a Francia en estado de emerxencia e síntome impotente, perdido. O meu último refuxio é o cinema: decido filmar este estancamento persoal editando os planos do torrente de filmes que vexo incesantemente". Unha historia do cinema persoal e arrebatada como poucas, desas que todo cinéfilo debera ver. O pase único é o 30 de setembro. Merca aquí a túa entrada. Esta programación continuará con dúas novas propostas cada mes, que anunciaremos ao inicio dos mesmos.