DUPLEX presenta

Sesións especiais de 'Non cres que vou berrar' e 'A illa das mentiras'

Xa se poden adquirir as entradas para os pases únicos do que é o gran filme collage dos últimos anos e máis do thriller galego protagonizado por Nerea Barros. Son os días 30 de setembro e 2 de outubro respectivamente, ás 19:45 e ás 19:30.

Nas vindeiras semanas contamos con dous pases moi especiais, dos que xa podes adquirir as entradas por anticipado. O primeiro trátase de Non creas que vou berrar, o mellor filme collage dos últimos anos, asinado polo francés Frank Beauvais, que compón a súa obra sobre o desamor mediante a montaxe de 450 secuencias doutras fitas. Todo un acontecemento cinéfilo que paga a pena non perder. Será o mércores 30 de setembro ás 19:45.
Doutra banda, a realizadora galega Paula Cons presentará en DUPLEX Cinema o venres 2 de outubro ás 19:30 o esperado thriller A illa das mentiras, rodado na salvaxe Sálvora con Nerea Barros de protagonista. Este recupera a historia das mulleres que salvaron 50 persoas do afundimento do Santa Isabel en 1921 cando se dirixía cara Arxentina.

O filme de Beauvais, un palpitante relato sobre unha relación perdida, redefine ao seu xeito a historia do cinema cun traballo de montaxe que foi apoiado de modo unánime pola crítica dende a súa estrea na Berlinale e que foi ben recibido en certames españois como Xixón ou Novos Cinemas, onde levou o premio principal. El mesmo define así o proceso: "Xaneiro 2016. Hai seis meses que a miña relación amorosa acabou. Aos 45 anos, vivo completamente só nunha pequena vila rural: sen coche, sen traballo nin perspectivas de futuro rodeado dunha natureza exuberante que non consegue acougar a miña desesperación. Os atentados de novembro sumiron a Francia en estado de emerxencia e síntome impotente, perdido. O meu último refuxio é o cinema: decido filmar este estancamento persoal editando os planos do torrente de filmes que vexo incesantemente"

No que respecta á fita de Paula Cons, estamos ante unha das intrigas máis agardadas do cinema galego. O filme conta como a noite do 1 de xaneiro de 1921, en medio dunha espesa néboa, o vapor El Santa Isabel, con 260 emigrantes con destino Bos Aires, afundiuse fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora. Tres mulleres, cos homes en terra firme celebrando o Nadal, lánzanse ao mar e logran salvar 50 persoas. Un xornalista acode ao lugar para cubrir a noticia do naufraxio. Aos poucos comproba que esa noite sucedieron demasiadas terríbeis “casualidades”.