Petís DUPLEX

Recuperamos as sesións infantís en horario matinal os domingos

A sección Petís DUPLEX, destinada aos máis pequenos da casa, terá sesións matinais cada domingo desde o 15 de novembro. Serán ás 11:30 horas. Recordámosvos que estes pases teñen un prezo de 4 euros para os menores de 13 anos. Presentamos a programación para os dous meses vindeiros, que combina clásicos con filmes recentes de animación de gran calidade.

Alén de ofrecer filmes de animación recentes dunha gran creatividade e que quizais non están tan presentes nas mentes dos máis cativos, como poden ser As vidas de Marona e A famosa invasión dos osos en Sicilia, non queremos deixar con Petís DUPLEX de mirar ao cinema do pasado e recuperar esas fitas inmortais que entran ben a calquera idade. É por iso que programamos dous títulos de grandes da comedia máis visual e baseada nos gags, non exentos de crítica social, como son o francés Jacques Tati e o norteamericano Buster Keaton.

O primeiro abre esta programación de novembro-xaneiro cun dos cumios da súa carreira, até o punto de que na praia de Saint-Nazaire onde se rodou lle acabaron por poñer unha estatua ao personaxe, da popularidade que suscita. Falamos d'As vacacións de M. Hulot, que intentamos levar ás prazas no verán, nun evento que se cancelou por mor da chuvia. Traémolo agora a DUPLEX Cinema para abrir esta nova etapa de Petís DUPLEX, con sesións cada domingo ás 11:30. En concreto esta pasarase os días 15 e 29 de novembro. A fita conta como nun balneario da costa atlántica, os veraneantes non son quen de se afastar dos seus rutineiros costumes urbanos. Até que chega o señor Hulot ao volante da súa vella carraca e rompe a calma estival. Para gran alegría dos cativos, Hulot ofrecerá aos hóspedes do hotel unhas vacacións inolvidábeis.

Despois mudamos o conto cunha deliciosa historia en torno a unha cadeliña que recorda os distintos amos que tivo. Dirixida pola estrela da animación Anca Damian, As vidas de Marona é unha xoia que foi ben recibida no festival de Annecy, o máis importante do mundo dedicado á animación, e que despois gañou innumerábeis premios, como o do público en Xixón, o que dá conta da súa popularidade. Unha tenra historia para todas as idades baseada nas experiencias da propia directora coa súa cadela. Ten pases o 22 de novembro e o 6 de decembro.

Continuamos con Buster Keaton, o gran cómico do cinema norteamericano silente xunto a Charles Chaplin. O moderno Sherlock Holmes é unha divertida historia na que el soña con se converter nun detective privado. Traballa como proxeccionista de cinema e, un día, acaba metido dentro do propio filme que está a pasar. Acaba vivindo nel unha serie de peripecias que farán rir a toda a familia. Poñémola os días 13 e 27 de decembro.

Rematamos con A famosa invasión dos osos en Sicilia, unha fábula moi bonita na que Tonio, o fillo do Rei Oso, é capturado por un grupo de cazadores nas montañas sicilianas. Cando o duro inverno ameaza ao seu pobo coa inanición, o Rei decide invadir o reino no que viven os homes coa axuda do seu exército. Orixinal animación nun filme que fará as delicias dos máis pequenos, mais que encerra no seu interior unha crítica á apropiación cultural e a colonización. Pechamos con el o 20 de decembro e o 3 de xaneiro.

Todos estes pases teñen un prezo de 4 euros para os menores de 13 anos. As entradas poden adquirirse xa en venda anticipada. Consulta aquí todo o programa.