My Mexican Bretzel, unha nova vida para o arquivo familiar
Temos o pracer de comunicarvos que a directora Nuria Giménez Lorang estará connosco o vindeiro sábado 19 de decembro ás 18:00 para presentar o seu filme My Mexican Bretzel. As entradas xa están á venda na nosa web.
O filme é un excelente exemplo de metraxe atopada, un subxénero do cinema documental coa montaxe no centro, que traballa con películas antigas atopadas de maneira fortuíta, como lle aconteceu á autora coas filmacións persoais do seu avó. A forma tan creativa na que a realizadora tece unha historia con estas fitas valeulle o premio Found Footage no festival de Rotterdam, así como outros a nivel internacional, destacando os tres de Xixón (filme, dirección e guión).
A historia xira en torno ao diario íntimo dunha muller de clase acomodada, ilustrado polas filmacións caseiras do seu marido, un rico industrial, entre os anos 40 e 60 do século pasado. O filme é tamén un melodrama clásico ao Douglas Sirk ou Todd Haynes, cos sentimentos a flor de pel. Unha viaxe a través da vella Europa. Un ensoño romántico.
En palabras da directora
"Este filme nace a raíz dunha morte. Paréceme fermosa a idea de que a morte, con toda a tristeza e a dor que a caracteriza, tamén pode dar a luz a un novo proxecto, a unha nova vida.
O meu avó, Frank A. Lorang (India, 1913 – Suíza, 2010), tiña medio centenar de bobinas de 8mm e 16mm con imaxes incríbeis que filmara el nos anos 40, 50 e 60 do século pasado. A pesares de ter boa relación con el, nunca mencionou a existencia dese material. Todos eses quilos de celuloide nos que el atrapara pedazos de vida, infinitas historias, e momentos fascinantes pasaron 40 anos na escuridade do seu soto. (...)
A medida que fun descubrindo as marabillas que alí había, tiña cada vez máis claro que ía facer algo con elas. Intuía que nalgures nese material se agochaba unha historia de varias capas, aínda que descoñecía que forma final ían adoptar. Pensei que o mellor xeito de descubrilo era deixarme levar polas imaxes e gozar da grande oportunidade que se me brindaba ao poder traballalas con total liberdade.
Como por arte de maxia, dar unha nova vida ao material que filmou o meu avó, fixo que moitas outras cousas e persoas extraordinarias cobrasen vida tamén. E por ese regalo impagábel, a el, á miña avoa e á miña nai estoulles eternamente agradecida".