DUPLEX presenta

DUPLEX presenta: os campamentos saharahuís por Eloy Domínguez Serén

O vindeiro martes 19 de novembro ás 20:05 DUPLEX Cinema acolle a presentación de Hamada polo seu director. O filme, froito da longa convivencia do realizador con mozos de Tindouf, recolle os seus anhelos e condicións de vida. Chega avalado por un bo feixe de premios en festivais como Xixón, As Palmas ou Cinéma du Réel.

Hamada. (həˈmɑːdə) n. (xeoloxía) un terreo desértico que
consiste nunha área plana e rochosa principalmente desprovista
de area. Entre os saharauís, úsase tamén como expresión
de “baleiro” ou “falto de vida”.

 

Logo da reapertura do noso cinema con Oliver Laxe hai preto dun mes, acollemos unha segunda sesión de DUPLEX presenta, sección dedicada a encontros con realizadores, que veñen compartir á súa obra con todos vós. O vindeiro martes 19 de novembro ás 20:05 Eloy Domínguez Serén introducirá o seu último filme, Hamada, e debateráo co público logo da súa proxección. A fita, situada no campamento saharahuí de Tindouf, chega ás salas comerciais logo dun importante paso por festivais que lle valeu a Domínguez Serén os premios ao mellor director e película na sección Rellumes do festival de Xixón ou o galardón á mellor ópera prima no prestixioso Cinéma du Réel de París, entre outros recoñecementos. O traballo é resultado da convivencia do realizador con mozos saharahuís durante preto dun ano e, nas súas propias palabras, mostra a persoas que "están ao redor da vintena de anos e se senten atrapados neste deserto vasto e estéril, mais manteñen toda a vitalidade, enerxía e anhelos da mocidade".

Hamada constrúese en torno a tres puntos fortes que o autor explota á perfección: uns protagonistas atractivos, un humor refinado e unha narración visual salientábel. O relato xorde duns obradoiros de cinema que o director levou a cabo con alumnado da zona. Nestas probas decatouse rapidamente de que os vehículos que os transportan cobran unha grande importancia para eles como símbolo de prestixio social e, ás veces, como sinónimo da loita do pobo saharahuí. Varios dos jeeps que aínda circulan entre Tindouf e outros campamentos foron utilizados como pequenas tanquetas improvisadas, debidamente modificadas, pola fronte polisaria. Así, coa escusa de que a rapaza protagonista está aprendendo a conducir, acompañada de amigos do campamento, Domínguez Serén conta unha historia sobre "a mocidade, a resistencia e a rebelión, retratada a través de fragmentos da vida dos mozos locais". Como relato de fondo, un conflito que leva enquistado 40 anos, con 150.000 refuxiados a vivir en campamentos "nun estado permanente de espera".

Eloy Domínguez Serén, orixinario de Simes (Pontevedra), realiza esta ópera prima logo dunha traxectoria marcada xa por curtas e mediometraxes laureadas. Por exemplo, Jet Lag, programada en FID Marsella, Doc’s Kingdom ou o Museum of the Moving Image de Nova York. Antes desta fita que presenta agora en DUPLEX Cinema, dera a volta ao mundo con No Cow On The Ice, estreada en 2015 en Visions du Réel e premiada en Toulouse, Filmadrid, PlayDoc, L’Alternativa ou Márgenes. Agora mesmo traballa en varios proxectos, entre os que se atopa unha ficción situada nos carnavais ourensáns ou unha exploración da escuridade na zona máis ao norte de Escandinavia, filmada durante as xornadas con menos luz do ano e que leva por título provisorio The Darker it Gets.

_ _ _

A sesión é de balde para as persoas con abono Colabora con DUPLEX (carné azul). Para solicitar a túa entrada debes escribirnos a info@duplexcinema.com