DUPLEX presenta

DUPLEX presenta: Jaione Camborda e a súa ópera prima Arima este domingo

DUPLEX Cinema acolle a presentación de Arima este domingo 9 de febreiro ás 18:15. Visitaranos Jaione Camborda, a súa directora, quen levou o premio ao mellor filme na sección Novas Olas do festival de Sevilla por este thriller de densa atmosfera, onde as mulleres cobran todo o protagonismo.

Arima é aquilo que ves a través da brétema, aquilo que intúes mais non consegues ver con claridade. Un soño, un recordo, un desexo. Arima é a historia de catro mulleres e unha cativa que se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles fuxe do outro, agochándose pola vila coma un ser fuxidío, fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida das mulleres. Todo isto moverase na fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio.

Esta é a historia de Arima, ópera prima de Jaione Camborda, que a cineasta presenta en DUPLEX Cinema este domingo 9 de febreiro ás 18:15 horas. A autora asume por ver primeira o reto de realizar unha longametraxe logo de dirixir curtas cun importante percorrido por festivais de cinema de vangarda como Proba de axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das bestas. Ten sido ademais guionista xunto a Alfonso Zarauza en dous filmes deste realizador, Os fenómenos e Ons, produtora do cineasta Víctor Hugo Seoane e directora de arte doutros cineastas do Novo Cinema Galego, véxase Ángel Santos (Las altas presiones) ou Lois Patiño, co que colaborou en Lúa vermella, de próxima estrea na Berlinale. De orixe vasca, Jaione leva moitos anos asentada en Galicia e perfectamente integrada no sector, até o punto de rodar en galego esta ópera prima e de contar coa colaboración de profesionais de recoñecido prestixio no noso audiovisual como o director de fotografía Alberte Branco ou David Machado e Juan Carlos Blancas no son. Protagonizan o filme Melania Cruz (Dhogs), Rosa Puga Davila (Mar adentro), Tito Asorey (Fariña) e Mabel Rivera (Pratos combinados), Iria Parada (Lobos e cordeiros) e a debutante Nagore Arias.