DUPLEX na casa: segue a gozar de grandes filmes no confinamento

Lanzamos DUPLEX na casa, unha ferramenta a través da que poderás acceder a varias estreas e a unha escolma de títulos recuperados desde o teu fogar.

Como sabedes, o cinema permanece pechado pola crise sanitaria. Mentres agardamos pola volta á normalidade, lanzamos unha iniciativa, DUPLEX na casa, que vos permite acceder a unha escolma de estreas e outros títulos recuperados desde os vosos fogares. Por exemplo, A paixón na arte, documental sobre a representación da Semana Santa na arte, que realiza un percorrido de 2000 anos por obras de todo tipo. Ou a agardada Vivarium, un dos filmes de xénero máis aclamados da tempada, en torno a unha parella que, na procura dunha casa que comprar, fica atrapada nunha urbanización nun pesadelo surrealista. Este imaxinativo thriller alzouse co premio á mellor actriz (Imogen Poots) no pasado festival de Sitges. Outros filmes que poderán verse son A alegría das pequenas cousas, EspeciaisHasta que la boda nos separe ou Os profesores de Saint-Denis. Cómpre estar pendente da web para novas incorporacións.

Cando alugas algunha destas estreas estás a entrar na Sala Virtual de Cine. É importante introducir o código "salavirtualduplex" para que o sistema recoñeza que se está a visionar desde o noso cinema. Isto permite que parte da recadación recaia en DUPLEX Cinema. Ademais, poñemos á vosa disposición outros títulos que recuperamos, como as estreas recentes La camaristaLonga noite ou o foco dedicado a Oliver Laxe con MimosasO que arde. Por último, tedes a posibilidade de ver de balde o último do reputado autor francés Eugène Green, Agardando os bárbaros.