Celebramos o 25N, día internacional da eliminación da violencia contra a muller, coa actriz Cris Iglesias
A intérprete presenta e debate co público mañá os filmes Zume de sandía e 16 de decembro. Ademais, contamos coa proxección especial de Un año más, en colaboración con Teima - Down Ferrol.
Mañá conmemoramos o 25N, día internacional da eliminación da violencia contra a muller, coa presentación dos filmes Zume de sandía e 16 de decembro. O primeiro, protagonizado por Elena Martín (Júlia ist, Las amigas de Àgata, Con el viento), unha das intérpretes españolas máis brillantes da súa xeración, foi presentado este ano na Berlinale cunha gran acollida por parte da crítica. Conta a que acontece nas vacacións dos mozos Bárbara e Pol. Rodeados de natureza e amigos, buscan pasalo ben e á vez atopar un espazo tranquilo para gozar da súa intimidade. Co apoio de Pol, no medio da natureza, entre bágoas e risos, Bárbara aprende a soltarse, sandar vellas feridas e redefinir a súa sexualidade.
Sobre o segundo, seguinte proxecto de Álvaro Gago logo do galardoado Matria, planea a sombra das agresións machistas. É sábado. Cae a noite. O balón móvese rápido dun lado ao outro. Os corpos procuran introducirse nos ocos que deixa a defensa. Lucía, vintecinco anos, sae de adestrar a balonmán e vai buscar o seu irmán en moto baixo as luces dunha cidade que cre coñecer. A actriz Cris Iglesias, á cabeza do reparto, vén mañá a DUPLEX Cinema presentar estas fitas e compartilas co público ás 20:45. Esta sesión de DUPLEX presenta ten un prezo de 2,50 euros, baixando a 2 nos casos nos que se aplique entrada reducida ou para persoas abonadas. Organízase en colaboración con CIMA (Asociación de mujeres cineastas y de medios audiovisuales) e FECIGA (Federación de Cineclubs de Galicia).
Tamén contamos mañá coa proxección especial de Un año más, documental sobre o particular estilo visual do pintor Paco Bernal, que nos traslada ademais ao seu día a día para contarnos a exclusión social que soportan as persoas con síndrome de Down. Que nos fai diferentes doutras persoas? As nosas habilidades ou as nosas características físicas? O filme é un documento contemplativo e meditado que convida a preguntarse: quen é o diferente? Un retrato intimista que avoga pola igualdade e a inclusión. Pase organizado en colaboración con Teima - Down Ferrol, responsábeis da asociación achegaranse até o DUPLEX para compartir o filme co público. A sesión é ás 17 horas.