DUPLEX presenta

Margarita Ledo presenta Nación o 27 de marzo

A cineasta introducirá o seu novo filme e debaterao co público nun pase especial ás 17:15 horas. As entradas xa están á venda. Se queres saber máis sobre a fita, recomendámosche escoitar a nosa nova entrega de DUPLEX presenta, o podcast mensual do cinema, que inclúe unha entrevista coa directora.

O novo filme de Margarita Ledo, Nación, volve centrarse no retrato da clase obreira nas últimas décadas, aínda que desta volta, como a ela lle gusta indicar, é a primeira vez que fala con mulleres da súa xeración. Elas son as traballadoras da desaparecida fábrica de louza da Pontesa, que a finais dos sesenta comezaron a se incorporar a un mercado laboral no que eran protagonistas, chegando a integrar o comité de empresa. A chegada do novo século saúda o peche da compañía e moitas destas mulleres, como Nieves e as súas compañeiras, son despedidas fulminantemente sen recibir indemnización algunha e con salarios aínda por cobrar hoxe en día, en 2021.

Nación fala do pasado, mais a través do mesmo realiza unha reflexión do presente da muller nunha economía que pasou do modelo produtivo ao especulativo, e que provocou a volta de moitas destas persoas ao eido doméstico. Pero elas o que queren é, ante todo, traballar. Deste e outros temas falamos coa directora na última entrega do noso podcast mensual, DUPLEX presenta, que podes escoitar xa aquí.

Recomendamos encarecidamente este filme, galardoado no Festival de Cinema Europeo de Sevilla co premio á mellor dirección, que terá un pase especial, con presenza de Margarita Ledo, o vindeiro 27 de marzo, sábado, ás 17:15 horas. As entradas xa están á venda.