Off DUPLEX

Iniciamos a nova sección Off DUPLEX coa transgresora 'Love Me Not'

O novo filme de Lluís Miñarro, reinterpretación persoal do mito de Salomé, chega a salas seleccionadas en España logo da súa presentación no festival de Rotterdam.

Inauguramos Off DUPLEX. Trátase dun espazo dedicado a aqueles filmes que contan cunha linguaxe de vangarda ou narrativas fóra do convencional, estreados en festivais internacionais e que decote circulan de maneira restrinxida. Así acontece na inclasificábel fita Love Me Not, do catalán Lluís Miñarro. Estreada este ano no Festival de Cinema de Rotterdam, está protagonizada por Ingrid García-Jonsson e conta coa incursión actoral do cineasta Oliver Laxe no papel do profeta Yokanaan. Abrimos esta sección con ela mañá mércores día 6 ás 20:05 en pase único, como será habitual para estas películas.

O cinema de Lluís Miñarro segue falando de reis. E se en Stella Cadente recreou a peripecia de Amadeo de Saboya e a súa curta estancia en España, en Love Me Not pon en escena a Herodes e á súa filla Salomé, famosa por conseguir que lle servisen en bandexa a cabeza de Juan o Bautista. Con todo, non estamos na época do Imperio Romano, senón na guerra de Iraq, aínda que o deserto siga sendo o escenario do desexo e a paixón… Mestura de cinema político e estética pop, basculando entre a obra de teatro orixinal de Oscar Wilde e a cuestión musulmá, esta cuarta longa de Miñarro supón a súa consagración definitiva como un dos nosos cineastas maiores: descóbrenos que a Biblia pode ser obscena, que Oscar Wilde podería ser un místico, e que o sexo pode acabar coa guerra… Á fronte do elenco está Ingrid García-Jonsson interpretando unha Salomé que eclipsa a pantalla. Dálle a réplica un Oliver Laxe que se pon desta volta ao outro lado da cámara para entrar na pel do profeta Yokanaan. Un filme realmente subversivo.

Lluís MIñarro ten unha longa traxectoria como produtor á fronte de Eddie Saeta, compañía desde a que ten capitaneado proxectos de cineasta tan relevantes como Lisandro Alonso, Albert Serra, José Luis Guerín, Naomi Kawase, Manoel de Oliveira, Javier Rebollo ou Apichatpong Weerasethakul, que levou a Palma de Ouro en Cannes polo filme Tío Boonmee recorda as súas vidas pasadas (2010), coproducido precisamente por Miñarro. Como director atesoura unha pequena mais salientábel filmografía que inclúe o persoalísimo retrato familiar de FamilyStrip (2009) ou a atípica aproximación a Amadeo de Saboya en Stella Cadente (2014), entre outros títulos. Love Me Not (2019) é a súa segunda e última ficción, presentada no festival de Rotterdam, na que volve rachar convencións estilísticas, ofrecendo unha visión complexa e distinta do mito de Salomé.