Off DUPLEX

FOCOS: ven cinco veces e a sexta é de balde

A tarxeta FOCOS serve para as seccións paralelas do DUPLEX. Por cada cinco veces que vés, a sexta corre á nosa conta. Adquírese no despacho de billetes ao asistir a unha destas sesións. En decembro contamos con catro pases que se benefician desta oferta: Espíritu sagrado (día 8), Anxo de vinganza (día 16), Matrix (día 21) e La Gomera (día 22).

Estes filmes pertencen aos nosos programas Off DUPLEX e DUPLEX DÚO. O primeiro dedícase a cinema alternativo que explora novas posibilidades na linguaxe cinematográfica. Ten lugar os mércores ás oito da tarde. O segundo pon en relación un filme vello con outro de estrea, habitualmente dirixidos polas mesmas persoas. Hoxe, mércores 8 de decembro, ás 20 horas, iníciase a programación paralela do mes con Espíritu sagrado, de Chema García Ibarra, un dos enfants terribles do cinema español, que leva anos a depurar unha obra entre o castizo e o bizarro a través de diversas curtas. Esta é a súa ópera prima, que levou mencións nos prestixiosos festivais de Locarno e Mar del Plata. A historia céntrase nun grupo de ufólogos que teñen un plan secreto para mudar o destino da humanidade. É unha fita moi divertida.

Tamén en Off DUPLEX, o día 22 proxectamos o intenso noir de Corneliu Porumboiu La Gomera. O realizador, máximo expoñente da Nova Vaga Romanesa, escolle este título porque, en efecto, ten relación coa illa canaria. Alí se utiliza o silbo gomero, unha forma de comunicación por asubíos que cumpre un papel moi relevante no filme para Cristi, un policía que traballa á vez como confidente da mafia. Verase envolto nunha trama para recuperar 30 millóns de euros na que non poderá confiar nin na súa propia sombra. Entre o metathriller e a comedia negra, o estilo de La Gomera é dunha orixinalidade pouco frecuente.

DUPLEX DÚO conta con dúas proxeccións este mes. Aproveitando a saída do último de Abel Ferrara, Zeros and Ones, pasamos Anxo de vinganza, un dos filmes de violación e vinganza máis famosos da historia do cinema, tan violento como mordaz. Todo un clásico que se mostra o día 16 ás 20:15. A Matrix orixinal foi unha fita que tamén marcou o xénero da ciencia-ficción co seu vigoroso pastiche de citas cyberpunk, renovado con motivos visuais nunca antes vistos. Como volvemos a este mundo virtual no Nadal do 2021 con Matrix Resurrections, aproveitamos para recuperar o filme iniciático da saga o día 21 ás 21:50. As entradas para todos estes filmes xa están dispoñíbeis en venda anticipada na nosa web.