Off DUPLEX

Off DUPLEX: Estrea en Galicia mañá de El entusiasmo, documental sobre a CNT na Transición

Tras 40 anos de ditadura, a reconstrución do histórico sindicato CNT superou todas as expectativas. Luis E. Herrero captura ese momento de efervescencia en El entusiasmo, fita que estreamos en Galicia mañá ás 20 horas con pase único no eido da nosa sección Off DUPLEX.

El entusiasmo mergúllase na historia dos movementos libertarios e contraculturais que confluíron na CNT durante os anos máis efervescentes da Transición. En apenas dous anos a CNT pasou da clandestinidade á masividade nunha evolución meteórica que terminou a principios de 1978 cun turbio caso de infiltración policial, o chamado Caso Scala.

Para recrear aqueles anos de utopía e liberdade, o documental recupera os filmes do cinema militante ou alternativo realizadas durante os anos 70, moitos deles inéditos e presentados por primeira de vez de maneira conxunta. Filmes do Colectivo de Cine de Clase, Cooperativa de Cinema Alternatiu, Colectivo Penta, Colectivo Libertario Decine, Helena Lumbreras, Carlos Varela Veiga, Antonio Artero, Bartomeu Vilà, Paco Ríos, Josep Miquel Martí Rom, Manuel Huerga, Joan Mallarach, Koldo Larrañaga… unha auténtica guerrilla do celuloide que puxo as súas cámaras ao servizo da loita contra a ditadura e á que se suman os traballos do colectivo pioneiro no uso do vídeo en España, Video-Nou.

Por El entusiasmo asoman grupos emblemáticos da época como La Banda Trapera del Río, Orquestra Mirasol, Loquillo & Los Intocables, Morfi Grei, La Propiedad es un robo, Perucho's... ; así como fotografías de Julián Martín Cuesta, Pilar Aymerich, Pepe Encinas, Manuel López Rodríguez ou Xefo Guasch.