DUPLEX presenta

DUPLEX presenta: preestrea de 'Lúa vermella' con Lois Patiño

O vindeiro 28 de outubro ás 19:45 contamos coa presenza de Lois Patiño para a preestrea do seu filme Lúa vermella. Patiño estará en DUPLEX Cinema para presentar a fita días antes da súa estrea comercial en salas.

Presentado na Berlinale e recoñecido como mellor filme español na sección Zonacine en Málaga logo do seu paso por diversos festivais internacionais, Lúa vermella supón a consolidación do autor de Costa da morte. Unha historia de meigas e outras criaturas mitolóxicas que reflexiona sobre a identidade cultural de Galicia e que se erixe en exploración plástica do tempo, á altura dos mellores cadros románticos, como ben destacou o crítico de The Hollywood Reporter Neil Young. Patiño elixe DUPLEX Cinema para a preestrea da súa segunda longametraxe en salas comerciais. Así, antes de que desembarque o venres 30 en cinemas de toda España, pasa o 28 de outubro por Ferrol para nos presentar a fita. A cita será ás 19:45 e as entradas xa poden adquirirse por anticipado neste enlace.

 

FALA O REALIZADOR

Lúa vermella mergúllase na Galicia do mar comprendéndoa na súa dimensión física e imaxinaria, onde realidade e lenda se funden, e onde o mar e a morte se entrecruzan con toda a súa carga mítica e evocadora. Profundamos así no universo retratado no meu anterior filme, Costa da morte.

En Lúa vermella a historia real do Rubio de Camelle, un buzo que rescatou máis de 40 cadáveres de náufragos perdidos no mar, vese envolta polos seres que poboan o imaxinario fantástico galego. Un universo mítico que segue a estela de autores coma o pintor Urbano Lugrís ou o escritor Álvaro Cunqueiro, quen escribiu a frase, de forte influencia para a fita: “O océano é un animal que respira dúas veces ao día”.

Na vila onde transcorre a nosa historia todas as persoas están paralizadas e ensimesmadas. Como na pintura O Ángelus de Millet, referente importante da película, as persoas non están detidas dun xeito artificial, senón que a inmobilidade semella responder a un momento de recollemento e meditación ou mesmo de duelo. Sobre esta quietude introspectiva articulamos a linguaxe do filme. Unha forma narrativa que nos permite explorar a natureza maleábel do tempo, pasando do seu fluír na natureza, á suspensión temporal da introspección, ao tempo mítico -atemporal- da lenda.