DUPLEX presenta

DUPLEX presenta: encontro con cineastas de Ferrol

Coa vontade de apoiar o talento local, convidamos a DUPLEX Cinema catro cineastas de Ferrol que veñen desenvolvendo unha interesante carreira nos últimos anos. Son Rubén Coca, Carlos A. Quirós, Cristina Esteiro e Sandra Sánchez. Parte da súa obra poderá verse o venres 28 de febreiro ás 20:30 horas, nun pase no que estarán presentes e compartirán co público as súas fitas. Esta sesión especial de curtas ten un prezo xeral de 2,50 euros, mentres que as persoas abonadas entran por 2 euros.

En DUPLEX Cinema apoiamos o talento local coa proxección o venres 28 de febreiro ás 20:30 horas de curtametraxes de cineastas de Ferrol. O programa inclúe, nesta orde: Notamotof e Mínimo común múltiplo, de Rubén Coca; Ferrol mola e Mbook: o libro mecánico de Ángela Ruiz Robles, de Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós; e A nena azul, de Sandra Sánchez. Deixámosvos a continuación perfís dos cineastas e unhas sinopses das pezas.

Rubén Coca

Tras varias curtametraxes, Notamotof (2004) pono no mapa cunha ampla selección en máis de 50 festivais. Entre as súas curtas máis destacadas atópanse La princesa alegría (2008) e Mínimo común múltiplo (2008). Inquedo e polifacético, Rubén Coca tamén produce en 2009 a peza de animación La niña que tenía una sola oreja, con ilustracións de Víctor Coyote; así coma o documental Roger de Flor: naturalidade silvestre (2010). Desde 2007 dedícase ademais á xestión cultural (sala Súper 8) e aos comentarios cinematográficos en diversos medios. De feito, ten unha estreita relación co noso cinema, onde programa os ciclos 'Ferrol de Cine: Primavera, Outono e Inverno de Cine' durante os anos 2008 e 2011. Actualmente colabora coa SER e a COPE, desde a que fala semanalmente das nosas estreas.

Notamotof

A vida dun home cambia unha noite despois de facerse unhas fotos coa súa noiva nun fotomatón.

Mínimo común múltiplo

O MÍNIMO COMÚN MÚLTIPLO  de A e B é o menor dos múltiplos comúns de A e B, é dicir, é o menor elemento do conxunto M (A, B) composto por infinitos elementos.

Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós

Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós levan unha década a traballar no audiovisual desde a súa produtora Cuerda Floja. Con ela produciron curtametraxes como Os pioghosos (2011), A vinganza é un sentimento curioso (2012), Por un puñado de euros (2015) ou A bizcochada (2015), amais das pezas incluídas nesta sesión. Tamén realizan habitualmente videoclips e outro tipo de creacións audiovisuais.

Ferrol mola

Na aburrida cidade de Ferrol, o grafiti dun divertido macaco amarelo adorna as deterioradas fachadas das súas rúas máis decadentes. O famoso monicreque, que sempre parece estar de bo humor, acompaña unha curiosa mensaxe de gran optimismo: Ferrol mola.

Mbook: O libro mecánico de Ángela Ruiz Robles

A ferrolá Ángela Ruiz Robles patentou na metade do século XX un libro mecánico co propósito de alixeirar a carga das mochilas que nenas e nenos levaban á escola. Dona Angelita anticipou a chegada dos dispositivos dixitais, mais o seu principal obxectivo non se conseguiu en absoluto.

Sandra Sánchez

Sandra Sánchez é sobre todo coñecida pola súa longametraxe documental Tralas luces, sobre a vida de varios feirantes, que foi presentada en multitude de festivais como Donostia e obtivo 8 nominacións aos premios Goya. Ten dedicado boa parte da súa carreira ao cinema de non ficción, mais tamén conta cunha longa traxectoria en televisión e como montadora, con compañeiros como Xavier Bermúdez, Manane Rodríguez ou Ángeles Huerta. A nena azul é a súa última curtametraxe.

A nena azul

Sira, unha nena de oito anos, filla dun percebeiro furtivo da Costa da Morte, foxe da escola e refúxiase nunha solitaria praia, na procura do seu pai. Alí ten un misterioso encontro con alguén que parece ser o seu propio espello.