DUPLEX presenta: Adán Aliaga visítanos este martes con El cuarto reino
O filme, crítica á sociedade de consumo, retrata as condicións de vida dun grupo de traballadores nun centro de reciclaxe de plásticos de Brooklyn.
DUPLEX Cinema acolle a presentación de El cuarto reino este martes 3 de decembro ás 19:45. Visitaranos un dos seus directores, Adán Aliaga. O filme, que parte da curtametraxe nomeada ao Goya e que conseguiu financiamento do festival de Sundance, métese de cheo nun centro de reciclaxe de plásticos de Brooklyn, onde retrata o día a día de varios dos seus traballadores. Lonxe de tratarse dunha fita militantemente ecoloxista, achégase a estas persoas con dignidade e son as súas condicións de vida, soños e anhelos os que centran a narrativa da longametraxe. Así, constrúe unha notábel fábula sobre as desigualdades da economía de mercado, acompañando os máis desfavorecidos.
O filme, dirixido por Adán Aliaga e Àlex Lora, nace do seu encontro coa misioneira Ana Martínez de Luco, quen hai máis dunha década chegou a Nova York logo da súa experiencia en Filipinas e organizou alí a iniciativa Sure We Can, unha chiscadela ao lema que levou a Barack Obama á presidencia do país e que xoga co verbo poder ('can'), palabra que tamén significa "lata". Con este enxeñoso nome pon en marcha un solar de reciclaxe de plásticos para persoas desfavorecidas. Estas poden levar alí lixo que recollan e obter cartos polo servizo. O centro funciona tamén como xerador de cohesión social e cultural, axudando a moitos dos seus habitantes a saír de situacións de pobreza extrema ou a deixar atrás problemas de alcoholismo e drogas. Tamén organiza obradoiros de teatro ou outras disciplinas artísticas ou conta cun horto urbano, entre outras iniciativas.
Os realizadores comezaron botando unha man a Ana coas redes sociais e cunha campaña para adquirir ese chan contra intereses inmobiliarios e, fascinados polo lugar, acabaron por rodar alí un filme que lles levaría tres anos rematar, con distintas visitas ao centro. Desta forma, quedan recollidas as vivencias de diversos traballadores aos que o centro axuda a deixar os seus problemas atrás e inserirse na sociedade. A fita é claramente ecoloxista, aínda que o interese dos realizadores era achegarse a estas persoas con humildade e sen alzar a voz con ningún manifesto político. Con todo, acaba por debuxar con claridade as situacións de desigualdade que un sistema de mercado hostil pode chegar a xerar.
Tanto Lora como Aliaga contan cunha ampla experiencia en documentais. Este último, moi vinculado a producións galegas, combina o cinema do real coa ficción de forma natural desde hai anos. Entre os seus galardóns, conta co prestixioso premio Joris Ivens por La casa de mi abuela (2005) e o Pilar Miró por Estigmas (2009). Con El cuarto reino os directores recibiron recoñecementos en festivais como Alcances ou Documenta Madrid.