DUPLEX presenta

DUPLEX presenta: a loita do pobo kurdo coa equipa de 'Pola liberdade'

Este mércores ás 19:30 visítannos os produtores Diyar Hesso e Alba Sotorra para presentar Pola liberdade, filme kurdo que narra a resistencia deste pobo na guerra de Siria e que foi rodado cos protagonistas reais do conflito armado.

O filme narra a historia de como a moza Zilan volve á súa cidade natal buscando a memoria do seu irmán asasinado polo ISIS, mais todo mudou. Verase envolta nunha loita de resistencia cun grupo de mozos contra policía e exército, que atacan o seu barrio con forza brutal.

Pola liberdade foi rodada principalmente en Kobanê, unha pequena cidade no Kurdistán sirio, preto da fronteira con Turquía. Partindo dun asedio real de Sûr polas tropas turcas, os protagonistas interpretan historias tiradas de diarios que poderían ter escrito eles mesmos, todos de compañeiros que viviron a guerra. A fita intenta retratar con veracidade e a pé de rúa o que leva a acontecer nesta rexión nestes últimos anos de guerra. Cando comezaron a rodar, recorda o produtor Diyar Hesso, estaban a resistir ataques do ISIS e, pola outra banda, o goberno de Erdogan bombardeaba a zona constantemente, polo que a filmación do filme tivo lugar neste contexto de continuo perigo.

A catalá Alba Sotorra, coprodutora e directora ela mesma de traballos como Game Over ou Comandante Arian, indica que desde que se levou a cabo a filmación até que a fita estaba por fin terminada tras a posprodución, perderon un total de tres membros da equipa no conflito, que tras a retirada das forzas americanas semella vai poñer as mulleres nunha posición complicada. Unha das particularidades da milicia kurda é que está organizada por mulleres, que toman as decisións en conxunto, dun xeito moi democrático e empoderadas. Por iso, era importante que o personaxe principal fose unha destas mulleres, pois a través dos seus ollos vemos a loita do pobo kurdo.

O director Ersin Çelik di que o seu filme intenta atrapar esa esperanza e solidariedade que se sinte na mocidade kurda, a pesar do seu contexto. Experimentado como reporteiro de guerra, ve nesta fita a posibilidade de indagar de forma máis intensa no conflito, aínda que recoñece que, tratándose dunha ficción, aprécianse nela moitos elementos documentais polo xeito no que foi filmada. Cita como referentes a Andrei Tarkovsky e o turco Yilmaz Guney, quen obtivera prestixio internacional con Yol, gañadora da Palma de Ouro en Cannes en 1982.