DUPLEX Cinema volve abrir as súas portas o 19 de xuño

A reapertura de DUPLEX Cinema logo de tres meses pechados por mor da crise sanitaria terá lugar o vindeiro venres 19 de xuño. Convidámosvos a encher de novo as salas para gozar do cinema como máis nos gusta facer, na gran pantalla. Nestas primeiras semanas contaremos coas últimas estreas e tamén con algún clásico para recuperarmos esa ilusión de volver ao cinema. Máis abaixo, detallámosvos os novos protocolos de hixiene e seguridade que estamos rematando de poñer a punto para converter de novo DUPLEX Cinema no espazo acolledor e seguro que queremos. Lembrámosvos que sempre que poidades mercar as entradas e os abonos a través de www.duplexcinema.com estades a axudarnos a conseguilo e a facer máis áxil o acceso ás sesións.

Contamos con tres estreas moi variadas e a cada cal máis interesante para iniciar esta nova etapa. Dunha volta, recuperamos A familia Samuni, premio ao mellor documental no festival de Cannes 2018. Trátase dun filme dirixido polo italiano Stefano Savona, no que sigue o día a día dunha familia na franxa de Gaza. Coma outros ao estilo de Vals con Bashir, combina con éxito o rexistro documental coa animación para darnos para darnos unha mostra do seu cotiá mentres rememoran a perda dos seus seres queridos.
Outras comunidades que sofren a inxustiza dun estado cruel a miúdo son as indíxenas en toda América Latina. Coa que está a caer en Brasil agora mesmo, Bacurau, dos brasileiros Kleber Mendonça Filho e Juliano Dornelles, móstrase mesmo máis actual que cando se presentou o pasado ano en Cannes, gañando o premio do xurado. Asentada nun futuro próximo nunha zona rural do país, relata como un grupo de cazadores norteamericanos se dedican a practicar o tiro ao branco cos habitantes desta vila. Descarnada e orixinal mestura de xéneros, trátase dunha fábula que en ningún momento agocha a crítica á extrema dereita de Bolsonaro e a relación cos seus homólogos no goberno de Estados Unidos.
A terceira estrea coa que abrimos é Matthias & Maxime, o último do enfant terrible do cinema canadense, Xavier Dolan. Habitualmente comparado con Almodóvar pola súa kitsch e preciosista posta en escena máis polas temáticas gais, aquí volve á carga precisamente coa historia de dous amigos que se bican ante a cámara na realización dunha curtametraxe. A raíz dese acto, comezan a se preguntar sobre a súa sexualidade.
As entradas para estas sesións xa están dispoñíbeis na web cos seus horarios.

 

Novos protocolos de acceso ao cinema

Para axudarnos a manter o espazo seguro e confortable, pregámosvos teñades en conta as seguintes consideracións que afectan ao funcionamento da sala:

  • O despacho de billetes abre 15 minutos antes de cada sesión, de martes a domingo desde as 16:45. A venda anticipada para próximas sesións farase a través da web www.duplexcinema.com , contribuíndo a facilitar o acceso rápido e seguro á sala. Se adquirides as vosas entradas no cinema, pregámosvos priorizar o uso da tarxeta fronte aos pagamentos en efectivo.
  • É obrigatorio o uso da mascarilla e de xel hidroalcólico. Dispomos de varios puntos de hixiene tanto fóra como dentro para que poidades empregalo.
  • O aforo da sala está reducido á metade, deixando unha butaca de separación entre os espectadores. Pregámosvos respectar a numeración da vosa entrada dentro da sala.
  • Saída das sesións de maneira ordeada e polas portas situadas por tras da pantalla, deste xeito garantiremos a distancia de seguridade entre unha sesión e outra.
  • Novos horarios, menos sesións. Para asegurar a boa limpeza e ventilación da sala entre as proxeccións, debemos espaciar máis os pases, polo que pasa a haber dous diarios, entre as 17:00 e 17:30, e entre as 20:00 e 20:30, de xeito aproximado. Durante o verán pecharemos os luns por descanso do persoal. Así, as sesións en versión española que adoitaba haber este día da semana serán agora os martes.

Grazas polo voso apoio continuo todos estes meses. Agardamos vervos o día 19 por DUPLEX Cinema!