DUPLEX Cinema incorpórase á rede internacional Europa Cinemas

Este importante recoñecemento homologa a programación de DUPLEX Cinema cos criterios de calidade e diversidade na difusión de cinema europeo, que comparten máis de 1.200 locais repartidos en 43 países e máis de 700 cidades de todo o mundo.

O cinema ferrolán DUPLEX Cinema acaba de converterse na segunda sala galega en formar parte da rede internacional Europa Cinemas, após a decisión tomada polo comité anual de validación reunido o pasado 13 de outubro, resolvendo a candidatura conxunta elaborada canda CODEX Cinema de Lugo e que lle foi comunicada formalmente á xerencia esta mañá.

A aprobación desta candidatura conxunta, liderada por DUPLEX Cinema, supón asemade a incorporación á rede europea de CODEX Cinema, en funcionamento en Lugo desde 2018.

Este importante recoñecemento homologa a programación de DUPLEX Cinema cos criterios de calidade e diversidade na difusión de cinema europeo, que comparten máis de 1.200 locais repartidos en 43 países e máis de 700 cidades de todo o mundo. A incorporación á rede non tería sido posíbel sen a colaboración con CODEX Cinema, en Lugo, con quen formamos unha candidatura conxunta. Así, Lugo e Ferrol súmanse a Santiago de Compostela no labor pioneiro do Cinema NUMAX, que integra a rede desde 2016, como as únicas cidades galegas en contar con esta consideración.

Europa Cinemas, creada en 1992 co financiamento do programa Media da Unión Europea, o Centre National du Cinéma (CNC) máis a colaboración entre Eurimages Europa Cinema Mundus, abrangue 43 países, máis de 700 cidades, ao redor de 1.200 salas e máis de 3.000 pantallas repartidas por todo o mundo. Constitúe a meirande rede de salas dedicada á difusión e programación, principalmente, do cinema europeo. Entre outros requisitos, esíxelle ás salas de exhibición españolas superar os 30.000 espectadores anuais (individualmente ou mutualizando resultados en minirrede, como é o caso), e un umbral do 35% de sesións de filmes europeos de produción non española.

Entre os obxectivos que persegue Europa Cinemas figuran: aumentar e diversificar a programación en salas e a frecuentación de filmes europeos; promover as iniciativas europeas dos exhibidores dirixidas ao público mozo e desenvolver unha rede de salas de exhibición que permita accións conxuntas a nivel estatal e europeo.

En España fan parte desta rede 61 salas repartidas do seguinte xeito por comunidades autónomas: 18 en Cataluña, 13 salas no País Vasco, 8 en Madrid, 6 en Castela León, 3 en Valencia e outras tantas en Galicia, 2 en Andalucía, 2 nas Illas Baleares, e unha sala na Rioxa, Aragón, Canarias, Navarra, Murcia e Santander.