DUPLEX Cinema duplica espectadores tras a súa reapertura en outubro

A única sala que fica en funcionamento en Ferrol duplicou amplamente a asistencia no último tramo de 2019 se o comparamos coa mesma época no exercicio previo. En menos de 3 meses superáronse os 7.500 espectadores.

A reapertura de DUPLEX Cinema o pasado 10 de outubro de 2019, logo de tres meses de reformas, resultou nun importante incremento no número de espectadores con respecto ao mesmo trimestre de 2018. A única sala que fica en funcionamento en Ferrol duplicou amplamente a asistencia neste último tramo de 2019 se o comparamos coa mesma época no exercicio previo. En menos de 3 meses superáronse os 7.500 espectadores.

Continuando a aposta polo cinema independente e de autor que a anterior xerencia viña desenvolvendo, potenciáronse as sesións en versión orixinal sen desatender a versión dobrada ao español (concentradas cada luns).

 

DUPLEX na escola acolleu máis de 800 escolares de toda a contorna de Ferrolterra

Coa vontade de ofrecer unha programación diversa para un público amplo, conviven en DUPLEX Cinema diferentes liñas de programación:

  • Até o 21 de abril continúa a retrospectiva do cineasta sueco Ingmar Bergman con copias recentemente restauradas.
  • Off DUPLEX achega en exclusiva a Ferrol as novas tendencias do cinema contemporáneo, cunha atención especial aos creadores españois e galegos, algúns dos cales nos acompañaron nas sesións especiais DUPLEX presenta.
  • Os máis pequenos teñen tamén o seu espazo nas sesións Petís DUPLEX da fin de semana, con prezo reducido a 4 euros para os menores de 13 anos.
  • O programa DUPLEX na escola organizou proxeccións con centros de ensino. Máis de 800 escolares de toda a contorna de Ferrolterra asistiron a estes pases, aproveitando a visita de cineastas como Oliver Laxe ou Eloy Enciso para manter encontros co alumnado.

 

O que arde tamén fai historia en DUPLEX Cinema e foi visto xa por máis de 2.700 persoas

DUPLEX Cinema adicou o 70% das súas sesións a cinema europeo, con 66 filmes de 16 países diferentes nos últimos tres meses, oito dos cales de produción galega.

Entre eles destaca O que arde, a fita máis popular e xa histórica (o filme en galego máis visto desde que existen rexistros) coa que se inaugurou esta nova etapa do cinema, recentemente galardoada con dous premios Goya (mellor actriz revelación e mellor dirección de fotografía) e que continúa na carteleira e foi xa vista por máis de 2.700 persoas en DUPLEX Cinema.

 

O proxecto de DUPLEX Cinema foi presentando na German Film and Television Academy de Berlin

O proxecto de reapertura de DUPLEX Cinema foi presentado pola nova xerencia como caso de estudo canda o Cinema NUMAX (Santiago de Compostela) nunha aula da German Film and Television Academy de Berlín en xaneiro de 2020 e máis na convención bianual de Europa Cinemas, celebrada en Lisboa no mes de novembro de 2019 diante de máis de 600 exhibidores de todo o mundo.

Desde a nova xerencia queremos aproveitar para agradecerlle á cidadanía ferrolá a agarimosa acollida ao novo proxecto DUPLEX Cinema, e moi especialmente ás máis de 300 persoas abonadas, que nos dan azos para continuarmos a mellorar cada día. 

Lamentamos porén que o Concello de Ferrol decidira suprimir en 2019, malia o prometido, o apoio anual destinado aos DUPLEX nos últimos anos. Esperamos que en 2020 sexa posíbel retomar unha colaboración imprescindíbel para asegurar a viabilidade deste novo proxecto de relanzamento do único cinema en funcionamento na cidade.