DUPLEX presenta

Chega a Ferrol o filme que explica a crise de Bazán

O realizador Luis López Carrasco presenta o vindeiro domingo 22 de novembro ás 17:30 o seu filme El año del descubrimiento, sobre a reconversión industrial de Cartaxena a inicios dos noventa. Acompañarao o histórico sindicalista Rafael PIllado, quen se encargará de conducir o debate co director ao termo do filme.

Corría o ano 1992. Celebrábanse os xogos olímpicos de Barcelona, a expo de Sevilla... e ardía polo impacto de cócteles Molotov o parlamento rexional de Murcia. O motivo? Unha vaga de despedimentos masivos froito da reconversión industrial na cidade, que afectou a grandes empresas que empregaban a miles, como era o caso dos estaleiros de Bazán. Todos eses traballadores organizaron unha serie de protestas continuadas durante meses, até chegar a este episodio esquecido da nosa historia recente, que explica o realizador Luis López Carrasco en El año del descubrimiento.

O filme, estreado no pasado festival de Rotterdam cun grande recibimento da crítica, que o definiu de xeito unánime coma un dos mellores documentais da historia do cinema español, parte destes feitos para construír un relato moito máis complexo e expansivo da historia do noso país nas últimas décadas, do que nos define aos españois, especialmente no eido do traballo. Un filme honesto e valente que está a arrasar na tempada de premios, tendo conseguido galardóns en certames de prestixio de todo o mundo como Cinéma du Réel, Jeounju (Corea do Sur) ou Cinespaña en Toulouse.

O vindeiro domingo 22 de novembro contaremos en DUPLEX Cinema coa visita do seu realizador, Luis López Carrasco, para presentar o filme ás 17:30 xunto co histórico sindicalista Rafael Pillado. Pensamos que el é a persoa axeitada para debater en torno a un filme que, aínda que rodado en Cartaxena, ecoa na cidade de Ferrol por todo o pasado industrial compartido, cunha idiosincrasia obreira similar, que de seguro será comprendida moi ben aquí, na nosa casa. El año del descubrimiento é un filme para pensar e pensarnos. Unha sesión que vos recomendamos encarecidamente.

As entradas xa están á venda na web.

 

A traxectoria de Luis López Carrasco

Luis López Carrasco (Murcia, 1981) é director, guionista e productor. Cofundador do colectivo audiovisual Los Hijos, dedicado ao cinema documental experimental. O seu traballo como director foi proxectado en numerosos festivais internacionais como Locarno, Rotterdam, New York, BAFICI ou Viennale e centros de arte contemporánea como Georges Pompidou, Guggenheim Bilbao ou Museo Nacional Reina Sofía. O Festival Internacional de Mar del Plata (Arxentina), Distrital (México), Lima Independiente (Perú), 3XDOC, CGAI e Arteleku dedicaron retrospectivas á obra de Los Hijos.

A primeira longametraxe do colectivo, Los materiales, gañou o premio Jean Vigo á mellor dirección do Festival Internacional Punto de vista de Navarra 2010 e a Mención Especial do Xurado de FiD Marseille 2010. A revista Cahiers du Cinema España seleccionouno como un dos dez mellores filmes internacionais de 2010 sen distribución comercial.

El Futuro, a súa primeira longametraxe en solitario, foi estreada no Festival Internacional de Cinema de Locarno 2013, seleccionado en máis de cincuenta festivais internacionais e premiado en BAFICI 2014, Lima Independiente 2014, Festival de Invierno de Uruguay 2014, IBAFF 2014 e nominado aos premios Fénix 2015 (mellor vestiario e mellor dirección de arte).