Ciclos

Ampla retrospectiva a Ingmar Bergman cos seus títulos máis representativos

Desde este mércores 23 iniciamos un ciclo ao gran realizador sueco, que reúne unha importante escolma dos seus filmes máis famosos recentemente restaurados e dixitalizados polo seu centenario pola Ingmar Bergman Foundation e distribuídos en España por A Contracorriente Films.

DUPLEX Cinema ofrece a posibilidade de coñecer ou revisar a obra de Ingmar Bergman, un dos grandes xenios do cinema da segunda metade do século XX. O director de Upsala contará desde mañá 23 de outubro cunha retrospectiva nas nosas salas que se estenderá ao longo dos vindeiros meses, chegando a proxectarse 21 títulos do máis esencial da súa dilatada filmografía. Todas as copias, proxectadas cunha grande calidade de imaxe e son, froito da meticulosa restauración levada a cabo o pasado ano pola Ingmar Bergman Foundation para conmemorar o centenario do autor, terán pases únicos en versión orixinal subtitulada en DUPLEX Cinema. Pasaremos un título cada unha ou dúas semanas, comezando pola que está considerada a primeira obra mestra do director, Un verán con Mónica (1953), fita que marca o inicio da fecunda e duradeira colaboración do cineasta cunha das súas actrices fetiche, Harriet Andersson. Nesta, a intérprete dá vida a unha moza que, farta da súa familia, decide fuxir co seu namorado a un pequeno arquipélago, onde vivir intensamente xuntos o seu amor sen as ataduras de cada día.

Grazas á selección que distribúe en España A Contracorriente Films, colaboradora neste ciclo, teremos a oportunidade de ofrecervos tamén outras películas destacadas coma O sétimo selo, Amorodos salvaxesPersona ou Gritos e murmurios; xunto a outros non tan coñecidos. Os filmes que se poderán ver nas vindeiras semanas con os que seguen. Iremos confirmando os horarios proximamente.

 

Un verán con Mónica (Sommaren med Monika, 1953)
Noite de circo (Gycklarnas afton, 1953)
Soños (Kvinnodröm, 1955)
Sorrisos dunha noite de verán (Sommarnattens leende, 1955)
O sétimo selo (Det sjunde inseglet, 1957)
Amorodos salvaxes (Smultronstället, 1957)
O rostro (Ansiktet, 1958)
O manantial da doncela (Jungfrukällan, 1960)
Coma nun espello (Såsom i en spegel, 1961)
O silencio (Tystnaden, 1963)
Persona (Persona, 1966)
A vergoña (Skammen, 1968)
A hora do lobo (Vargtimmen, 1968)
Paixón (En passion, 1969)
Gritos e murmurios (Viskningar och rop, 1972)
Segredos dun matrimonio [Serie TV, 6 capítulos] (Scener ur ett äktenskap, 1973)
A frauta máxica (Trollflöjten, 1975)
Sonata de outono (Höstsonaten, 1978)
Documento sobre Fårö (Fårö-dokument, 1979)
A vida das marionetas (Aus dem Leben der Marionetten, 1980)
Fanny e Alexander (Fanny och Alexander, 1982)