DUPLEX presenta

Un Nadal en DUPLEX Cinema cargado de presentacións: David Hernández, Xudit Casas, Alberto Gracia

O final do ano concentra en DUPLEX Cinema varias presentacións de cineastas de Galicia que se achegan á nosa sala para compartir os seus filmes co público. O 20 de decembro proxéctase A felicidade dos cans, primeira longa de ficción de David Hernández. O venres 27 é a quenda de Xudit Casas, quen nos convida a reflexionar sobre o poliamor e as relacións non monógamas en Amar en libertad. Pecha estes encontros un día despois, o sábado 28, o ferrolán Alberto Gracia co seu último filme, Estrella errante.

David Hernández, fotógrafo de formación, conta cunha longa experiencia na realización de documentais, curtas de ficción e videoclips. É especialmente coñecido pola súa serie de retratos de cidades, Spaces of Time. Desde 2007, cando funda a produtora Adarme Visual, vén impartindo tamén a docencia, que compaxina coa realización destas pezas diversas. A felicidade dos cans é a súa primeira longametraxe de ficción, estreada no festival de Xixón cunha gran acollida pola crítica.

Conta a historia de César, un home desempregado de 40 anos. Está casado con Sara e teñen unha filla de dous anos. Xa fai tempo que Sara é quen mantén economicamente a familia co seu soldo de perruqueira e trata de apoiar a César para sacalo da súa rutina. Pero algo acontece no interior de César que fai mudar o rumbo da súa vida. Filmada cun gran rigor formal nun pulcro branco e preto, é unha ópera prima salientábel. Hernández virá presentala o venres 20 de decembro ás 19:45.

Con formación en audiovisuais, xornalismo e xestión cultural, Xudit Casas ten realizado traballos de ficción como Sobre a morte de Bieito, fiel adaptación do relato homónimo de Rafael Dieste, e Tercera oportunidad, producida por Yolanda Díaz. A súa paixón é o vídeo de creación. Nesta categoría inclúe Amar en libertad, peza activista ao redor do poliamor e as relacións non monógamas desde unha perspectiva de xénero.

Persoas expertas e profesionais da materia nos explican como se xestionan este tipo de relacións e que ferramentas son útiles para tratar temas coma os celos, o tempo, o sexo, etc. A través das seus testemuños, iremos coñecendo máis a fondo o mito do amor romántico, a monogamia e o papel da muller na mesma. A sesión do venres 27 de decembro ás 22:00 estará presentada e moderada pola xornalista Marta Fernández Corral, quen acompaña a cineasta.

Licencidado en belas artes, Alberto Gracia conta cunha traxectoria multidisciplinar na que entran a performance, a pintura, o vídeo ou a instalación. A súa primeira incursión no cinema é Microfugas (2008), proxecto que remata na publicación do libro MICROFUGAS, Teoría y juego de la profanación dous anos despois. A súa ópera prima, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (2013), levou o premio da crítica en Rotterdam, certame onde tamén se estreou La estrella errante (2018), que sería galardoada coma mellor fita española no festival de Sevilla. Ferrolán de orixe, neste momento atópase investigando precisamente na rexión para a filmación da súa terceira longametraxe.

La estrella errante ten como absolutos protagonistas o músico punk Rober Perdut e o fotógrafo Nacho Alonso. En 1984 Rober e a súa banda Los Fiambres sacaban o seu primeiro e único LP titulado El lado oscuro del Rock and Roll. 30 anos despois Rober viaxa a Vigo para atoparse con Nacho, un amigo fotógrafo. Alí descobre que neste tempo todo mudou. Nin el nin Vigo parecen estar presentes. Esta historia, atípica coma pouco co particular estilo que lle imprime Alberto Gracia, estará presentada polo director o sábado 28 de decembro ás 19:45.