DUPLEX presenta

Oliver Laxe presenta mañá O que arde en DUPLEX Cinema

O realizador galego trabará contacto cos espectadores nas sesións das 19:30 e as 21:45

O realizador galego Oliver Laxe presenta mañá en DUPLEX Cinema O que arde, primeiro filme en ser seleccionado no festival de Cannes en galego e gañador do premio do xurado na sección Un certain regard. O cineasta estará presente nas sesións das 19:30 e as 21:45 para introducir o filme e discutilo co público. Na segunda delas acompañarao Manolo González, docente con toda unha vida dedicada ao cinema.

A película relata a volta á casa de Amador logo de cumprir o seu tempo de condena por provocar un incendio. No fogar, ninguén o espera agás a súa nai Benedicta. Nunha aldea perdida das montañas lucenses, volverá convivir con ela, a súa cadela Luna e as súas tres vacas. As súas vidas transcorren ao ritmo sosegado da natureza, até que todo cambia cando un lume violento arrasa a zona. Laxe quixo facer este filme coma unha carta de amor aos Ancares, onde o lume e a paisaxe son uns protagonistas tan importantes como Benedicta e Amador: "As actitudes e valores dos meus avós marcáronme para sempre, fixéronme cineasta. Vivín en Galicia desde os seis aos vinte anos, logo pasei por Barcelona e Londres e a continuación instaleime en Marrocos durante dez anos. Mais este val perdido de Galicia foi sempre o meu verdadeiro fogar, a miña raíz. (...)  Quixen capturar a súa beleza, unha beleza intensa e imprevisíbel que non coñece mesura". Sobre o lume, explica que desde logo ten algo que atrae e, condenando a queima dos bosques, di que desconfía dunha sociedade que procura sempre culpábeis: "hai algo que me interpela cando vexo que toda unha sociedade se pon de acordo en contra dun individuo, un individuo que carga coa responsabilidade de toda unha sociedade enteira. E esa sospeita acentúase moito cando vexo ademais que se dá sobre o xa de por si maltratado campesiñado, no que recaen todas as culpas. Creo que na cuestión do lume somos todos un pouco culpábeis, por ter crido e participado na relixión das cidades, pola nosa propia responsabilidade no atordamento e desmantelamento dos campos".

Esa persoa que incendia o bosque, Amador, e a súa nai Benedicta, saíron dun longo proceso de casting con actores non profesionais. As súas contidas e verosímiles interpretacións son un dos puntos fortes da fita. "En cada unha das miñas películas é o encontro coas persoas reais o que me proporciona unha gran parte do desexo de filmar, de que os meus personaxes sexan encarnados", explica Laxe. En Amador "hai unha verdade conmovedora na súa mirada melancólica, nos seus ombreiros caídos. Unha mestura de beleza e sufrimento. Unha persoa sensíbel e fráxil, mais que non posúe as ferramentas necesarias para vivir neste mundo, tan duro coa fraxilidade". Mentres que Benedicta "é unha bendición". O director recorda da rodaxe que "esta muller ten agora mesmo 85 anos... Tiñan que vela camiñar polo monte como unha adolescente... Deulle igual ensaiar ou filmar baixo a choiva durante horas. Foi unha profesional infatigábel".

Para os actores era a súa primeira experiencia no cinema e, de súpeto, víronse desfilando en Cannes, onde Benedicta asombrou ao mundo bailando unha muiñeira:  "A min saíume así. Como tamén me saíu descalzarme cando me doían os pés, e non fun a única que o fixo. Nunca me tería imaxinado nun festival". Da experiencia con Laxe relata que no proceso de selección "conectou conmigo porque teño lingua de trapo, e díxome que me escollía se me deixaba o pelo longo. Foi a súa única condición. A gravación foi moi bonita. Para min, Oliver non pertence ao humano, vai alén". Agora, logo do seu aclamado paso por certames internacionais de prestixio, onde foi sempre ben acollida por crítica e público, chega ás salas españolas. En DUPLEX Cinema temos a honra de contar co capitán deste barco, que xa avistou novos horizontes para o cinema galego.