Filma o teu traxecto a DUPLEX Cinema e gaña un abono anual

Desde DUPLEX Cinema queremos participar na iniciativa ON THE WAY TO MY CINEMA, organizada por Connecting Cinemas, e para iso precisamos da túa axuda. Grava un vídeo dun minuto desde a túa casa até DUPLEX Cinema e envíanolo tanto a nós como á organización. Os que eles elixan serán compartidos na súa páxina web e a través de YouTube, para ensinar en toda Europa como é a nosa cidade e a nosa sala. Pola nosa banda, sortearemos un abono anual para vir ao cinema sempre con desconto entre todas as persoas que participedes nesta iniciativa. Segue a ler para coñecer os detalles.

Apetécenos proporche un exercicio cinematográfico para dar a coñecer Ferrol e o noso cinema nestes tempos pandémicos, nos que as xeografías polas que transitamos cada día mudaron por completo neste 2020 tan estraño. Para despedir o ano como se merece, suxerímosche que filmes o teu traxecto a DUPLEX Cinema, rexistrando estes espazos en mutación. Podes incluír os teus comentarios, reflexións, o que desexes. Trátase de realizar unha pequena peza documental dun minuto na que fique representada a túa experiencia de te achegar ao DUPLEX nestes últimos meses.

Esta proposta que vos facemos está encadrada na iniciativa europea Connecting Cinemas, que lanzou recentemente o proxecto ON THE WAY TO MY CINEMA, no que participan espectadores de todo o continente. Algúns vídeos de cidades de toda Europa xa poden verse no portal, neste enlace. Así poderás tomar recorte de que andan a mostrar os nosos colegas cinéfilos doutros países. As bases para participar tamén se inclúen na web, en inglés. Resumímoschas aquí. Trátase de facer o seguinte:

- 1 vídeo dun minuto de duración do teu traxecto ao cinema.

- Formato mp4, resolución 1080p.

- Libre de dereitos e filmado co teu móbil.

- As pezas resultantes deben enviarse a info@connecting-cinemas.eu, connosco en copia para participar no sorteo dun abono anual gratuíto: info@duplexcinema.com.

Recibiremos os vosos vídeos até o Día de Reis, mércores 6 de xaneiro de 2021. De entre todos os que recibamos, sortearemos un abono anual, que dá acceso ao cinema durante un ano con entradas sempre a 4,50 euros e inclúe unha entrada gratis cada dez. Saca o móbil e anímate a participar! Deamos a coñecer a nosa cidade e o noso cinema en toda Europa!

___

FOTO: Alicia Seoane.