DUPLEX presenta

Estreamos podcast mensual

DUPLEX presenta súmase ao formato podcast, cunha entrega cada mes que repasará as novidades do cinema. Inauguramos o espazo co cineasta Eloy Domínguez Serén, que comenta connosco o seu filme favorito, Desexando amar. A obra mestra de Wong Kar-Wai cumpre 20 anos e proxectamos unha versión restaurada, supervisada polo realizador e o seu director de fotografía Christopher Doyle. Tamén pasa polos nosos micros Ramiro Ledo, o noso director e programador, que fai balance deste primeiro ano de DUPLEX Cinema na súa nova etapa, desde que nos fixeramos coa xerencia da sala en outubro de 2019. Consulta aquí o primeiro programa.

Co obxectivo de che ofrecer información adicional sobre a nosa programación e manterte á última en torno a todas as novidades relacionadas con DUPLEX Cinema, inauguramos un podcast que terá periodicidade mensual. En cada entrega analizaremos un ou varios filmes do mes a vir que nos parecen interesantes, convidando aos nosos micros a profesionais do cinema que analizarán as fitas connosco, nunha breve conversa. Ademais, iremos comentando as diversas iniciativas que desde a sala poñemos en marcha, como a organización de ciclos, pases especiais, presentacións ou concursos nos que podes participar.

Nesta primeira entrega desprazámonos ao festival Novos Cinemas de Pontevedra, dedicado á proxección de primeiras e segundas obras, cun especial interese na formación de públicos mozos e promoción de cineastas que están a dar os seus primeiros pasos no mundo do cinema. Compartimos co certame a importancia de promover o cinema entre públicos mozos e a necesidade de dar a coñecer o talento fílmico que aflora en todas as cinematografías. Alí tivemos a ocasión de falar con Eloy Domínguez Serén, que impartía un curso precisamente a estudantes da Facultade de Belas Artes. O realizador pontevedrés, que hai uns meses se achegou a DUPLEX Cinema para presentar o seu filme Hamada, comenta connosco Desexando amar, de Wong Kar-Wai, a tenor da súa proxección polo 20 aniversario cunha nova restauración que recupera todo o esplendor deste filme marabillosamente fotografado por Christopher Doyle.

Tamén tivemos ocasión en Pontevedra de falar con Ramiro Ledo, o noso director e programador, quen formaba parte do xurado Latexos. El analiza a importancia da nosa recente inclusión na rede Europa Cinemas e realiza un balance do noso primeiro ano na xerencia da sala.

Podes escoitar aquí a primeira entrega. Na portada da web verás un banner que remitirá ao noso repositorio, onde iremos incluíndo cada novo programa. Agardamos que vos guste. Grazas polo voso apoio nun ano difícil no que non deixastes de vir ás salas. Os nosos mellores desexos para o 2021.