DUPLEX presenta

DUPLEX presenta: Eloy Enciso debate 'Longa noite', o seu esperadísimo filme situado na posguerra, o 10 de decembro

O filme Longa noite, terceiro na carreira de Enciso, estréase en salas españolas este xoves día 5 logo do seu paso polo festival de Locarno, no que foi galardoado pola crítica especializada. A sesión inaugural en DUPLEX Cinema contará coa presentación da asociación Fuco Buxán, mentres que o vindeiro martes, día 10, o realizador achégase ás nosas salas para compartir o filme co público.

Eloy Enciso estrea este xoves nas salas de toda España Longa noite, o seu esperadísimo filme logo do influínte Arraianos (2012), ambos os dous premiados no festival de Locarno. En DUPLEX Cinema temos preparadas dúas presentacións para acoller esta fita como se merece. Dunha banda, o día da súa estrea, 5 de decembro, a asociación Fuco Buxán, activista da memoria histórica, introducirá a sesión inaugural das 19:55. Doutra, o propio realizador visitará o cinema o vindeiro martes 10 para debater o filme co público, acompañado como moderador do docente Manolo González. A cita é ás 19:30. Xa poden mercarse as entradas para as dúas sesións.

Longa noite conta a historia de Anxo, quen, durante a posguerra española, regresa ao seu pobo no interior de Galicia. Alí crúzase con outros personaxes, gañadores e vencidos dunha España dividida: unha viúva que non quere recordar, un comerciante que emigra, un prisioneiro republicano que describe o seu calvario. A entrega dunha carta obriga a Anxo a cruzar a fronteira e adentrarse na longa noite franquista. As pantasmas que todos crían esquecidas invaden o presente. A fita é un retrato do impacto íntimo dunha guerra atravesada pola súa memoria literaria: Max Aub, Luís Seoane, Alfonso Sastre, Ramón de Valenzuela, Rodolfo Fogwill.

Eloy Enciso (Lugo, 1975) fórmase en dirección cinematográfica na escola de San Antonio de los Baños, en Cuba, onde comparte promoción co director de fotografía Mauro Herce. Iníciase no campo da curtametraxe antes de debutar na longa con Pic-nic (2007), documental seleccionado e premiado en numerosos festivais. A consolidación internacional chégalle a Enciso en 2012 con Arraianos, estreada en Locarno e premiada como mellor filme en Bos Aires (Vanguardia y Género) e Sevilla (Nuevas Olas), na que atopamos xa as súas principais características identitarias: un coidado traballo con actores non profesionais e un singular tratamento das fontes literarias.

Tras sete anos de esmerado traballo, Enciso regresa con Longa noite, orixinal indagación na posguerra española que, apoiada en diversos textos literarios e un gran traballo de fotografía de Mauro Herce, dan lugar a un dos títulos esenciais deste 2019. Tras recibir o premio da crítica especializada á mellor dirección en Locarno e percorrer algúns dos festivais máis importantes (Toronto, Nueva York, Sevilla) chega ás salas españolas unha obra que examina o noso pasado para permitirmos comprender mellor o tempo presente.