Recuperamos 'El camino', de Ana Mariscal, xoia perdida do cinema español
O vindeiro martes 2 de novembro ás 19:50 iniciamos a tempada de outono da nosa sección TREN DE SOMBRAS, dedicada á proxección de clásicos restaurados. Abrimos con El camino, de Ana Mariscal, unha das directoras máis recoñecidas do cinema europeo do século XX e absoluta pioneira en España.
Adaptación da novela homónima de Miguel Delibes, no seu momento non tivo estrea no noso país por considerarse inapropiada para a súa exhibición. O festival de Cannes rescatou este ano a obra do esquecemento cunha nova copia restaurada, froito do traballo do fillo da realizadora e da distribuidora francesa Karma Films.
O filme, que ten sido cualificado como de corte neorrealista, segue os pasos de Daniel, un rapaz que pasa os seus últimos días na aldea antes de ir estudar á cidade. Durante as horas previas á súa marcha, bota a vista atrás e invádeno os recordos dun lugar que observa dende a idealización e con marcada nostalxia. Rodada toda en exteriores na comunidade de Madrid, a fita é unha fiestra a unha España xa desaparecida, que retrata moi ben unha época.
El camino foi a oitava película das once en total que acabaría por dirixir Ana Mariscal e unha das que obtivo mellor recepción crítica. A súa ópera prima, Segundo López, aventurero urbano (1953) é todo un clásico dos anos cincuenta, cun estilo de corte realista que non agochaba as miserias do réxime franquista. A relación entre o campo e a cidade, co éxodo do primeiro ás segundas neses anos, é algo presente nas dúas longametraxes. Estas características, propias do neorrealismo italiano, foron seguidas por poucos en España, con casos contados como o dela, Marco Ferreri (El cochecito) ou José Antonio Nieves Conde (Surcos).
Foi nunha produción de Manuel Mur Oti, Un hombre va por el camino (1949), na que Mariscal coñeceu a quen acabaría por ser o seu marido, o director de fotografía Valentín Javier. Xuntos decidiron poñer en marcha Bosco Films para realizar filmes máis persoais. Daquela Mariscal xa levaba ao redor dunha década traballando en títulos de grande repercusión comercial como Raza, de José Luis Sáenz de Heredia, filme sintético do ideario franquista e un dos preferidos do ditador. A súa carreira mudará por completo a inicios dos cincuenta, centrándose na dirección e produción destes filmes máis independentes e nada compracentes coa España do momento. Continuará, con todo, a actuar de maneira máis esporádica en diversos títulos. En 1995 concedéuselle a Medalla de Oro al mérito en las Bellas Artes, outorgada polo Ministerio de Cultura.