DUPLEX presenta

DUPLEX presenta: Eroski Paraíso, do teatro á gran pantalla

O filme dirixido por Jorge Coira e polo dramaturgo Xesús Ron, autor da obra orixinal, estará presentado o sábado 14 ás 19:55 polo mesmo e máis pola actriz Patricia de Lorenzo. Popular comedia sobre as táboas, salta agora ao cinema coa mensaxe reivindicativa propia de Chévere, propondo unha metáfora da transformación social de España nos últimos 35 anos, onde moitos lugares de socialización tornaron noutros de consumo.

Álex, cineasta novel, rompe a cuarta parede para nos contar que desexa facer un filme sobre os seus pais. Eles coñecéronse en 1989 na discoteca Paraíso. Namoraron e ela foi o froito desa unión. Sete anos logo da súa separación, ese lugar onde se atoparon é agora un supermercado Eroski. Esta é a trama, contada desde a comedia, de Eroski Paraíso, popular obra teatral de Chévere que salta agora á gran pantalla. A compañía, coñecida por unha posta en escena anovadora na que utilizan moitos audiovisuais, non o tiña moi difícil para trasladar a súa historia a imaxes en movemento.

O dramaturgo Xesús Ron fíxose acompañar do experimentado realizador Jorge Coira para esta adaptación, que conta co mesmo reparto que sobre as táboas. A filla é Cris Iglesias, un dos nomes que está a irromper máis forte entre as actrices galegas, e que xa nos acompañou recentemente na presentación de 16 de decembro, de Álvaro Gago, da que é protagonista. Os pais son os sempre fiábeis Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo. Esta última visitará xunto a Ron DUPLEX Cinema o sábado 14 de decembro ás 19:55, para presentar e discutir co público a fita.

A inspiración vénlle a Ron dunha sala de festas que existiu realmente en Muros e que hoxe é, en efecto, un supermercado. Tirando de testemuños reais, tanto a obra de teatro coma o filme exploran a memoria colectiva dun lugar que tornou de punto de socialización a centro de consumo. Na liña política de Chévere, Eroski Paraíso non renuncia, a través do humor, á crítica social, realizando un retrato da transformación dos nosos hábitos nos últimos 35 anos. Como ben explica o dramaturgo, a xeración dos pais de Álex tívoo todo ao seu alcance e decidiu pasar pola vida coma quen percorre ansioso un corredor do supermercado. O debate fica aberto en DUPLEX Cinema.