DUPLEX presenta

DUPLEX estrea con 'Alcarràs' un pioneiro sistema de streaming en cinemas

O filme de Carla Simón, gañador do Oso de Ouro na Berlinale, será proxectado este sábado ás 21 horas con presentación e posterior coloquio da directora. O debate farao dende os Cinemes Truffaut de Girona e será retransmitido en directo. DUPLEX participa nesta iniciativa xunto con outras cinco salas do estado, nun proxecto que resultou gañador da convocatoria Collaborate to Innovate da Comisión Europea e de Europa Cinemas.

Apostando pola innovación e a creación de ámbitos colaborativos xunto a outros cinemas que comparten obxectivos con DUPLEX cinema, a sala ferrolá forma parte dun proxecto que pretende levar un novidoso sistema de streaming á gran pantalla. Esta tecnoloxía permite retransmitir contidos en directo, tales como filmes, concertos ou óperas, pero tamén posibilita a conexión entre as salas que forman parte desta rede. Desta maneira, habilita a opción de seguir dende a distancia coloquios que organicen calquera dos colaboradores, ou outro tipo de actividades como seminarios.

O proxecto, gañador da convocatoria Collaborate to Innovate, un novo programa promovido pola Comisión Europea e Europa Cinemas, rede á que DUPLEX pertence dende 2020 e que premiou ao xerente do cinema, Ramiro Ledo, como emprendedor do ano, foi un dos 15 seleccionados en toda Europa para ser financiados en 2021. De momento forman parte da iniciativa un total de seis cinemas. Ademais de DUPLEX, están nela Rambla de L'art-Cambrils Aie (Cambrils-Tarragona), Cinemes Truffaut (Girona), Zumzeig (Barcelona), Cineciutat (Palma de Mallorca) e Cinebaix (Sant Feliu De Llobregat).

 

Inaugúranse os debates con Carla Simón

Nos Cinemes Truffaut, este sábado 30 de abril ás 21 horas, terá lugar a presentación con coloquio do filme 'Alcarràs'. A súa directora Carla Simón obtivera xa o éxito internacional con 'Verán 1993' en 2017, unha historia dunha nena nos anos noventa que se ve estigmatizada ante a posibilidade de ser positiva da sida. Filmada nun contexto do rural catalán con actores non profesionais, ese filme beneficiábase dunha tremenda naturalidade da nena protagonista. Fiel á mesma xeografía e espírito, Simón visita en 'Alcarràs' unha localidade de Lleida dedicada ao cultivo do melocotón. Coa acción situada de novo no verán, durante a recollida desta froita por parte dunha familia que pasa por dificultades persoais, este fita volve respirar autenticidade e foi cualificada pola crítica, de forma unánime, como sobresaliente. O filme conseguiu o Oso de Ouro no pasado festival de Berlín,

Tras a proxección deste sábado, haberá coloquio retransmitido en directo. Grazas á tecnoloxía instalada, o público de DUPLEX Cinema poderá seguir a conversa na sala. Este acto inaugura unha serie de debates que serán retransmitidos entre todos os cinemas da rede. En breve anunciarase que filme e que cineasta será quen faga os honores en Ferrol.