DUPLEX Cinema reabre as súas portas con enerxía 100% renovábel

A reapertura de DUPLEX Cinema logo de tres meses de peche temporal o pasado venres 19 trouxo consigo unha importante novidade: o emprego de enerxía 100% renovábel, ao asociármonos á comercializadora local Nosa Enerxía, S. Coop. Galega.

O subministro eléctrico fornécenolo agora esta cooperativa, comprometida coa redución da pegada ecolóxica, ao garantir unha orixe renovábel certificada, nun modelo alternativo á aínda maioritaria aposta polas enerxías fósiles.

Ao unírmonos a Nosa Enerxía, S. Coop. Galega, DUPLEX Cinema reforza o seu compromiso coa economía social e as empresas de inserción local. A nosa participación na cooperativa fai ademais posíbel o apoio á defensa da natureza, á protección do medio ambiente e ás actividades de carácter social e solidario; por exemplo, a posta en marcha de accións que melloren a calidade de vida das persoas e do medio ambiente, como a formación no uso racional da enerxía, ou a posta en valor do medio natural. Agardamos con todo isto dar un paso máis para contribuírmos ao fortalecemento do tecido local e de proximidade e á consolidación da utilización das enerxías renovábeis na nosa cidade.

En DUPLEX Cinema comprácenos termos dado este paso. Viva o cinema sustentábel!