DUPLEX ábrese aos colectivos de Ferrol
Poñemos en marcha a iniciativa DUPLEX con... para abrir as portas do cinema a unha serie de empresas e asociacións do sector cultural que dan boa mostra da diversidade da que goza unha cidade como Ferrol. A idea é convidalas a programar periodicamente filmes da súa escolla. Todas as sesións serán presentadas por responsables destes colectivos e promoveranse debates en torno ás fitas proxectadas, ademais doutras actividades paralelas.
A falta de dar máis detalles nun futuro próximo, anunciamos hoxe cales son os tres grupos cos que imos iniciar este proxecto, e indicamos xa que filmes programarán e en que datas. As sesións adoitan ser os luns ás 19:45. Inicia a andaina a asociación Avante LGBT+ Ferrolterra o25 de abril, co filme Pride, unha divertida comedia sobre o apoio aos mineiros nas protestas da época do thatcherismo por parte dos manifestantes do Orgullo Gai.
Continúa a colaboración coa libraría especializada en banda diseñada Metrópolis. Eles escolleron unha recente entrega do anime máis popular dos últimos tempos, My Hero Academia: Dous Heroes. Ademais de presentar a sesión na sala, neste caso haberá unha actividade paralela que anunciaremos en breve. Este pase será o 9 de maio.
Por último, a asociación cultural Fuco Buxán propón unha proxección e coloquio coa directora Manane Rodríguez sobre o seu filme Migas de pan, un duro drama sobre unha ex presa política da última ditadura en Uruguai (1973-1985). O evento terá lugar o 23 de maio.
Nos meses do verán non contaremos con esta actividade, regresando en setembro con outros grupos que se irán sumando. Se algún colectivo estivese interesado en participar, pode facérnolo saber na dirección de correo info@duplexcinema.com.