Adopción

Adopción

Kata, viúva, está entrando nos corenta sen fillos. O seu amante, casado, non desexa telos con ela. De maneira fortuíta entra na súa vida unha moza escapada dun orfanato que lle pide refuxiarse na súa casa. Inicialmente reticente, Kata acóllea e comeza a encariñarse con ela. Axúdaa a deixar a institución e a casar cun rapaz ao que ama. Ademais, a relación entre ambas mulleres esperta en Kata a determinación para cambiar o que non lle gusta da súa situación vital.

A visión inédita de Mészáros das relacións extramaritais, a maternidade ou o choque interxeracional convulsionou o cinema da Europa do Leste e abriulle as portas ao éxito internacional. O filme gañou o Oso de Ouro na Berlinale e estivo nomeado aos Oscar. A fita inicia unha nova etapa de madurez na realizadora, movéndose das súas historias sobre mozas rebeldes cara outro conxunto de filmes máis centrados nas problemáticas das mulleres de mediana idade. Ademais, resulta un compendio moi preciso de todas as súas inquietudes e mostra un asentado dominio formal. Con razón está considerada a súa obra mestra.

Entrada gratuíta coa colaboración da Concellaría de Cultura de Ferrol.

Pódense recoller no despacho de billetes desde o venres anterior a cada sesión (venres 3). Máximo dúas por persoa.

  • Título orixinal: Örökbefogadás
  • Ano: 1975
  • Duración: 88 minutos
  • Idioma orixinal: Húngaro
  • Dirección: Márta Mészáros
  • Guión: Ferenc Grunwalsky, Gyula Hernádi, Márta Mészáros
  • Elenco: Flora Kadar, Gyöngyvér Vigh, Istvan Szoke, Janos Boross, Kati Berek, Laszlo Szabo, Peter Fried
  • Montaxe: Éva Kármentő
  • Dirección de arte: Tamás Banovich
  • Vestiario: Zsuzsa Vicze
  • Música: György Kovács
  • Fotografía: Lajos Koltai
  • Produtora: Mafilm Studio Hunnia
  • Distribuidora: Lost & Found
Berlinale 1975 (Oso de Ouro)